martes. 07.10.2025
El tiempo

A insostible situación do transporte escolar en Santa Comba chegará ao Parlamento

Familias de Santa Comba contra Monbus polo transporte escolar
Familias de Santa Comba concentradas polo transporte escolar, apoiadas polo PSOE e o BNG
A insostible situación do transporte escolar en Santa Comba chegará ao Parlamento

Levamos semanas falando da problemática do transporte público e concretamente do transporte escolar entre Cee e Fisterra, por exemplo. Pero é que a situación en Santa Comba é aínda máis grave. 

 No caso do IES Terra de Xallas, a comunidade educativa vén denunciando retrasos continuos nos horarios, falta de prazas suficientes e incluso casos nos que alumnado tivo que quedar en terra ou viaxar de pé, "algo que resulta totalmente inaceptable nun servizo público esencial como este", denuncia o rexedor socialista Alberto Romar, que estivo presente nas concentracións protagonizadas polas familias da ANPA e a comunidade educativa, e que levará a situación "absolutamente insostible" ao Parlamento Galego para reclamarlle á Xunta unha solución.

"As liñas máis conflictivas son as de Parada e Portovilar, que presentan incidencias case diarias e afectan a mozas e mozos de diferentes parroquias, como son Vilamaior, Freixeiro, Fontecada, A Pereira, Alón, Ser, Santa Comba e Bazar, entre outras", explican dende o grupo socialista.   

"O servizo de transporte escolar é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, polo que resulta urxente adoptar medidas que aseguren un funcionamento axeitado e digno, especialmente nas zonas rurais, onde o acceso á educación depende directamente deste servizo", subliña o socialista. 

 Reclamarase tamén "revisar reforzar as liñas máis problemáticas", así como "mellorar a planificación e coordinación do servizo de transporte escolar en todo o concello de Santa Comba, para garantir a puntualidade e a seguridade das rutas" e mais "abrir un proceso de diálogo coa ANPA e a comunidade educativa do IES Terra de Xallas co fin de ofrecer unha solución estable e participada aos problemas detectados". 

Ademais, denuncian ademais que no centro hai carencia de profesorado.

As demandas do BNG na mesma liña

"Ë un despropósito que o alumnado teña que chegar tarde ás aulas ou que non haxa prazas suficientes nos autobuses polo que non pararemos até que esta situación se solucione", sinala na mesma liña deputada nacionalista Iria Carreira, que tamén levará o asunto ao Parlamento Galego, tras acompañar xunto co portavoz municipal, Juan David Sixto, á concentración realizada diante do IES

"Esiximos á Xunta que poña solucións aos graves problemas que están a acontecer cunha pésima planificación do transporte escolar con horarios caóticos que non se adaptan aos do instituto e con prazas insuficientes para responder á necesidade do alumnado", explica Iria Carreira que considera "completamente inaceptábel" que a rapazada usuaria "se vexa na obriga de chegar tarde ás aulas ou non poder acceder ao autobús por falta de prazas xa que non están garantidas sequera ás de quen ten dereito a elas", de maneira especial nas liñas de Parada e Portovilar.

Máis novas

Comentarios