Iria Carreira: "A xente de Santa Comba é consciente de que a médica non pode estar pasando consulta co abrigo posto"

Iria Carreira con David Sixto diante do Centro de Saúde de Santa Comba

A situación do Centro de Saúde de Santa Comba, como ten denunciado o BNG en diversas ocasións, é insostible. 

Falamos deputada do BNG no Parlamento Galego, Iria Carreira, que ten convocada unha concentración para este xoves 19 ás 11:00h diante do edificio.

  • Que necesidades urxentes e non tan urxentes ten o Centro de Saúde de Santa Comba?

Ten necesidades urxentes a nivel de mantemento. Non podemos aceptar como normal un centro de saúde no que hai problemas constantes coa calefacción, onde hai goteiras cada vez que hai un temporal, ou onde as profesionais tiveron que mercar vinilos para poñer nas fiestras porque non había nin un mínimo de intimidade. 

Pero tamén é certo que o centro de Santa Comba quedou pequeno para a asistencia sanitaria que presta. Vemos como hai profesionais que comparten consulta porque non teñen máis espazo para pasala, ou que as residentes de medicina que recibe o centro non teñen unha consulta propia onde estar.

Estado do tellado Centro de Saude de Santa Comba
  • E a nivel de profesionais?

A nivel profesional tamén hai carencias, parte delas por mor de esta falta de espazo. Por exemplo, na área administrativa do centro hai só 3 persoas, cando podería ampliarse esa dotación pero non hai espazo físico para ubicalas. 

Mais tamén hai que destacar que o reforzo do persoal non depende unicamente da infraestrutura. Vemos como habitualmente hai descubertos no cadro de persoal, non se cubren baixas ou vacacións, e iso depende directamente da política de contratación que aplica o Partido Popular e contra a que nos temos pronunciado desde o BNG.

 

  • Como se reparten as responsabilidades ante estas deficiencias?

No que se refire ao edificio, son responsabilidades compartidas. O Concello é o responsábel do mantemento do Centro de Saúde, mais tamén a Xunta de Galiza non pode facer oídos xordos ante esta situación. Na situación na que nos atopamos, ambas as administracións deberían sentarse e dialogar para deseñar unha saída a esta situación que pase ou ben por unha reforma integral do edificio que xa existe asumindo a Xunta a súa titularidade, ou pola construción dun novo centro. Mais calquera das opcións ten que ser áxil, porque o centro non fai máis que degradarse e acumular deficiencias ano tras ano. 

No que se refire ao persoal, a responsabilidade é directa da Xunta de Galiza e o Partido Popular. É a Xunta quen ten as competencias neste ámbito, quen deseña os cadros de persoal e quen aplica as políticas de contratación que considera. Unhas políticas que nós xa temos denunciado por ser insuficientes para as necesidades de asistencia sanitaria da poboación e que están deteriorando a Atención Primaria e o sistema público de saúde.

 

  • Como ves a mobilización social en Santa Comba? A xente é consciente da emerxencia da situación?

A xente é plenamente consciente de que non debería haber caldeiros nunha sala de espera, de que a médica non pode estar pasando consulta co abrigo posto e de que non debería haber mareos no centro de saúde no verán porque se abafa coa calor.
Do mesmo xeito que é consciente de que non deberían ter que agardar semanas para poder ter unha consulta, nin deberían ter que contar o que lles pasa cada vez a unha persoa diferente porque van saltando de profesional en profesional. 

E vemos como a xente cada vez está máis farta desta situación e está a esixir unha solución realista.

 

Máis novas