A loita contra a desinformación do Colexio de Xornalistas chegou ao IES de Santa Comba

Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chegaron onte ao IES Terra do Xallas de Santa Comba, con dous novos talleres impartidos polo xornalista Pedro Costa Manteiga. Estes obradoiros de alfabetización mediática están a desenvolverse en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís liderada pola deputada Soledad Agra.
O alumnado de 4º da ESO puido desfrutar dos talleres desenvoltos por Costa, sobre o aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital, feitos que están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes.
É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. Nestes obradoiros, a rapazada xallense puido coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información. O obxectivo do programa é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas.