Martes. 15.10.2019
El tiempo

Novas sendas proxectadas en Santa Comba e Ponteceso

Ethel Vazquez con maria Pose alcaldesa de Santa Comba
Ethel Vazquez con maria Pose alcaldesa de Santa Comba
Novas sendas proxectadas en Santa Comba e Ponteceso

Novas obras de sendas peonís programan estas datas Xunta e Deputación.

A Xunta, en Santa Comba

A alcaldesa de Santa Comba, María Pose, logo da xuntanza mantida coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de confirmar que a Xunta está a redactar o proxecto para a construción dunha senda na estrada AC-404, concretamente no tramo que une os núcleos da Ponte e Santa Catalina.

Neste encontro, no que se abordaron actuacións de interese neste municipio, Vázquez Mourelle tamén lle explicou á rexedora que o Goberno galego está redactando o proxecto da 2ª fase de acondicionamento da estrada Portomouro- Santa Comba (AC-406), no treito entre Abuín e Faílde. Esta actuación supón darlle continuidade ás obras de mellora que están en execución no treito desta mesma vía que conecta Abuín e o parque empresarial deste municipio. Os traballos que se están a acometer consisten na execución dun trazado alternativo á actual estrada que evite o paso pola travesía do núcleo de Salgueiroas. Esta vía retirará o tráfico do núcleo de poboación e propiciará maior comodidade nos desprazamentos e unha redución nos tempos de percorrido.

A Deputación en Ponteceso

Paralelamente, a Deputación tramita os permisos ante Patrimonio para a construción das sendas peonís de Lestimoño (Ponteceso). A Deputación solicitou o pasado 5 de abril os permisos necesarios á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para a tramitación do proxecto de mellora da estrada DP 4307 e construción dun tramo de senda.

O proxecto, que suporá un investimento de 635.498 euros, inclúe a mellora da seguridade vial na DP 4307, entre os PK 11+070 e 11+760, aumentando a plataforma para contar con carrís de 3 metros, medio metro de beiravía e sendas peonís de 1,80 metros por ambas marxes do vial. As sendas estarán configuradas por unha base de zahorra artificial e formigón, con baldosa hidraúlica.
En dous puntos deste tramo habilitaranse ademais zonas de aparcamento en liña de 2,5 metros de ancho.

Comentarios