Piden a renovación de marquesiñas en Muxía e Santa Comba

Dúas denuncias fan os grupos municipais do BNG de Muxía e Santa Comba arredor das marquesiñas das súas vilas
O BNG de Santa Comba reclama o cambio de ubicación da marquesiña de Busto pola súa perigosidade
O BNG de Santa Comba esixe ao goberno municipal o inmediato cambio na ubicación da marquesiña instalada no Busto porque supón un grave risco para os nenos e nenas usuarios do autobús escolar. Na actual situación, vense na obriga de atravesar dúas rúas para acceder ao transporte público que na actualidade ten a súa parada nun cruce con complexa visibilidade e a distancia do lugar no que se instalou a marquesiña. (O cal obriga a cruzar pola parte dianteira o traseira do autobús co correspondente perigo)
O responsábel local do BNG de Santa Comba, Juan David Sixto, denuncia que a marquesiña instalada en Busto "non cumpre as medidas mínimas de seguridade e comodidade para a cativada que cada día ten que coller o bus escolar e vese na obriga de atravesar as rúas para acceder á parada o que fai difícil o acceso, en especial en días de chuvia e incrementa a súa perigosidade".
O BNG de Santa Comba sinala que instalar a marquesiña a distancia de onde o autobús fai a súa parada e no lado contrario da porta de acceso do mesmo, introduce un risco maior xa que os nenos e nenas agardan nun lugar polo que o servizo público non pasa. "Non lle vemos explicación, non ten sentido que cada mañá teñan que esperar nun sitio e, para coller o bus, ir a outro que se sitúa precisamente nun cruce, o que fai maior a súa perigosidade... ou queren que non se use a marquesiña ou non pensaron ben as consecuencias que pode ter no seu uso diario".
O BNG de Muxía urxe ao goberno local á instalación de novas marquesiñas no municipio
O BNG de Muxía leva reclamando ao goberno municipal, como fixo no último pleno da corporación a inicios de setembro, que substitúa as marquesiñas que foran retiradas por atoparse en mal estado, e que instalen algunhas en lugares onde non as había para que os escolares e a veciñanza usuaria do transporte de autobuses poidan resgardarse da chuvia. Os nacionalistas explicaron no último pleno que o outono estaba á volta da esquina e que era o momento de facelo.
A formación nacionalista sinalou que é coñecedora “que desde o día 3 de setembro as marquesiñas están listas, recollidas e depositadas en instalacións municipais”, e indicou que “as chuvias do outono xa comezaron, pero en Calo e Pardiñas seguen sen ter marquesiñas, polo que urximos ao goberno municipal a actuar con maior dilixencia e pedímoslle que proceda xa á instalación das mesmas canto antes”.
O BNG insistiu en que o alumnado e usuarios do transporte escolar non deben de seguir á intemperie. “Apelamos á responsabilidade do goberno local para que se acometan os traballos xa”, trasladou este luns 22 a voceira do BNG, Mercé Barrientos, ao alcalde de Muxía. A portavoz nacionalista instou ao goberno a que proceda ás reparacións precisas e, de paso, a que acometa os traballos de mantemento doutros equipamentos deste tipo perigosos polo seu estado, con vidros rompidos ou estruturas descadradas, como é o caso das marquesiñas de Moraime, Vilariño ou Os Pasantes.
O grupo nacionalista lembrou que en setembro de 2022 unhas familias pediran ao goberno de Muxía a reparación das marquesiñas que daban servizo aos usuarios e usuarias do transporte escolar, especialmente ao alumnado dos centros escolares do concello. Daquela, no inicio do 2024 o BNG tivo que denunciar que pasara mais dun ano sen que se substituíran as marquesiñas estragadas, que as encargadas levaban tempo feitas e que o goberno municipal non se dignara a instalalas. “A resposta foron insultos varios por parte do daquela rexedor, pero á semana foron colocalas”, subliñou o BNG.
Mercé Barrientos tamén trasladou ao goberno municipal –como membro do consello escolar do CEIP de Vilarmide-Eduardo Noya- necesidades de reparacións e mantemento que xa foran comunicadas en xullo de 2024 ao anterior goberno, mais das que só se afrontaron algunhas delas este verán. A