Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O PSOE denuncia a extrema eucaliptización das brañas de Castriz

Martín Seco brañas Castriz
O PSOE denuncia a extrema eucaliptización das brañas de Castriz

Ata as Brañas de Castriz desprazouse o portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, acompañados dos novos responsables do PSOE de Santa Comba, para facer pública a súa denuncia polo proceso de eucaliptización que viven as brañas de Loira e da Serra, na parroquia de Castriz, situadas entre os concellos de Santa Comba e Coristanco.

Unha cuestión que trasladará á Comisión de Medio Rural do Parlamento para reclamarlle á Xunta “premura” para actuar diante deste feito producido cando xa estaba en vigor a prohibición imposta pola Xunta, e que foi denunciado por Ecoloxistas en Acción.

O responsable socialista alerta deste “delito ecolóxico que se está a levar a cabo ante os ollos das autoridades medioambientais e forestais do goberno galego”, sen que teñan tomado ata o momento ningunha medida para evitalo ou restaurar o dano causado. Lamenta que Patrimonio Natural, en lugar de tomar cartas no asunto, teña respondido con lentitude á denuncia, que tamén foi presentada diante de Medio Ambiente e na Garda Civil.

Seco explica que a normativa da Xunta supostamente fixa un prazo ata o 31 de decembro de 2025 no que a reforestación con especies de eucalipto unicamente estarán permitidas cando a ocupación anterior do terreo constituíra unha masa pura ou mixta dominante desta especie, e cando as plantacións anteriores se fixeran de acordo coa normativa. 

Non é o caso destas brañas, explica, xa que a plantación de eucaliptos inclúe parcelas nas que se conservara o brezal, outras nas que coexiste con plantacións de pino de hai máis de 15 anos, un terceiro grupo nas que “hai anos que se arrasou o brezal para plantar eucaliptos ou acacias”, e un cuarto que “foi arrasado nos últimos 5 anos para realizar plantacións masivas ilegais de eucaliptos”. Un quinto grupo conforma parcelas de pradarío ou terreo mixto sen plantacións.

 

 

Comentarios