A veciñanza de Buño alertan das carreiras ilegais que se dan nas súas estradas
O pasado sábado, 18 de outubro, a veciñanza de Buño amencía coa noticia dun novo accidente de tráfico que danou gravemente o cruceiro e un vehículo estacionado ao seu carón. O suceso non sorprendeu a ninguén pois de todos é sabido que a estrada que atravesa o pobo soporta un abuso diario de exceso de velocidade e está sendo utilizada como circuíto de carreiras, sobre todo nas fins de semana.
Ante esta situación, a Asociación de Veciños O Quinteiro de Buño vén de denunciar este problema ante o Concello de Malpica en varias ocasións. Así relatan o periplo de denuncias sobre a necesidade de tomar medidas nas estradas AC-414, AC-419 e AC-422: "En maio do 2024, reunidos co Alcalde, saímos co compromiso de que se incrementaría a presencia policial e se estudaría a situación para tomar medidas que moderasen a velocidade na vía. Tres meses despois, en agosto do mesmo ano, ante a inacción do Concello e un aumento das condutas temerarias, rexistramos unha solicitude insistindo no “perigo evidente, grave e notorio”. De novo, o 20 de febreiro do corrente, mantivemos outra xuntanza co Alcalde na cal lle advertimos (por terceira vez) de que o perigo para bens e persoas nas vías públicas de Buño seguía vixente e que se incrementaría na época estival; nesta ocasión amosóusenos un estudo da Policía Municipal sinalando as posibles localizacións duns pasos elevados e a previsión de que se instarían durante o verán. A día de hoxe o consistorio non executou esta nin ningunha outra medida encamiñada a incrementar a seguridade do tráfico en Buño", lamentan.
Dende o Concello aseguran que obre "están avaliando a creación de pasos elevados cos informes da Policía e temos a intención de levalos acabo a principios do ano que vén". Ademais, aseguran que a Policia está intensificando a súa presenza na zona dentro do seu horario de traballo".
Repaso
A entidade fai reconto dalgúns dos accidentes dos últimos tempos, tendo en conta que os pequenos accidentes, e mesmo os atropelos, son frecuentes:
- En abril do 2013 un accidente na rotonda da Camposa saldouse con un morto e un ferido.
- En decembro do 2020 un novo sinistro na zona do Empalme deixaba dous vehículos desfeitos na beirarrúa.
- En xuño do 2022 un mozo perdía a vida na rotonda de Canta la Rana;
- En 2024 un accidente tamén na rotonda de Canta la Rana saldouse con dous feridos e un poste de formigón esnaquizado.
Con este comunicado "a Asociación de Veciños o Quinteiro quere apelar á responsabilidade dos condutores, especialmente en vías urbanas, e dar unha nova chamada de atención ao Concello de Malpica o cal parece enrocado na estratexia de fiar a seguridade dos veciños a condutores kamikazes sen o máis mínimo aprecio pola vida allea; apostar todo ao negro soe traer perniciosos resultados".