Venres. 04.10.2024
El tiempo

As administracións potenciarán o emprego no rural coa formación e a inclusión social

As administracións potenciarán o emprego no rural coa formación e a inclusión social
Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta, participou onte en Vimianzo no encontro internacional sobre a mobilidade laboral Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta, participou onte en Vimianzo no encontro internacional sobre a mobilidade laboral Vimianzo remata hoxe o encontro internacional que reúne a máis de vinte persoas de distintos país baixo o "ERN4mob- European Rural Europe for Job Mobility", financiado pola Unión Europea con máis de 127.000€. O Concello de Vimianzo é un dos 2 do estado español en participar nun programa deste tipo. Na xornada de portas abertas de onte someteuse a un profundo análise a emigración e a inmigración nas zonas rurais grazas á intervención de distintas persoas que, ben polos seus cargos ou ben pola súa experiencia, son expertos na materia. Unha das ponentes foi a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, que explicou as vantaxes do Sistema Público de Emprego galego a través da súa intervención baixo o título "Afrontar a inmigración, a emigración e a exclusión social asociada nas comunidades rurais europeas". No seu relatorio, Toca destacou que precisamente para reforzar a atención especial que a Xunta xa presta aos colectivos con maiores dificultades de acceso a un posto laboral, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a Axenda 20 para o Emprego, unha folla de ruta que ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020. Para iso céntrase en 3 retos: fomentar o emprego estable e de calidade; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. Colectivos desfavorecidos Entre as 20 medidas da Axenda, Toca destacou a posta en marcha do Programa APROL, con 63,4 millóns, de incentivos para promover a contratación, especialmente entre os colectivos más desfavorecidos: persoas con discapacidade, desempregados de longa duración, a mocidade e as mulleres para as que se porá en marcha o Plan de Emprego en Igualdade. Esta iniciativa tamén aposta polo fomento do emprego autónomo a Economía Social e o sector do mar. Así mesmo, para afrontar a exclusión asociada ás comunidades rurais, a secretaria xeral salientou que se iniciará un Programa de Formación e Emprego no Rural con 4,6 millóns que se complementa con 5 millóns de financiamento para proxectos a través de XesGalicia. No eido rural tamén se potenciará o autoemprego e a Economía Social. "O que pretendemos é reforzar a especial atención aos colectivos con maiores dificultades no acceso ao emprego e potenciar o autoemprego a través do emprendemento industrial e innovador, priorizando estas accións no ámbito rural” salientou a secretaria xeral. Neste senso, engadiu que se potenciará ás empresas de Economía Social con atención ás destinadas ao rural “procurando unha maior achega do emprendemento con especial atención á integración laboral das persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, o emprego inclusivo”, rematou. Durante a mañá de onte tamén interviu nas xornadas internacionais Cristina Couto, do Centro Europe Direct da Deputación da Coruña, quen explicou os servizos de información e asesoramento que a Comisión Europea lle oferta á cidadanía. Pola súa banda, representantes do concello de Camariñas e o Newry, Mourne and Down District Council presentaron as súas experiencias institucionais referentes á promoción do emprego e á acollida das persoas inmigrantes. Xa pola tarde Covadonga López, da Rede EURES do Servizo Público de Emprego de Galicia, expuso as posiblidades para traballar en Europa e distintos inmigrantes e emigrantes da bisbarra falaron acerca das súas experiencias. O día rematarou cunha viaxe virtual a cada un dos territorios participantes.   Programa de hoxe As xornadas de hoxe comezarán cunha mesa de traballo na que se marcará un plan de acción para a identificación das necesidades da mobilidade rural europea e coa preparación do segundo encontro que terá lugar en Polonia no mes de maio. Despois da presentación da temática e das acción previstas nas vindeiras xornadas, os asistentes realizarán unha chuvia de ideas para a recollida online de opinións:definir preguntas para identificar coñecementos sobre as políticas UE e oportunidades para a mobilidade, así como para identificar as necesidades actuais dos cidadáns europeos involucrados nun proceso de mobilidade. As xornadas rematarán cun xantar de despedida e co peche do encontro que será ás 15:30 horas. Durante estes tres días analizáronse na casa da Cultura de Vimianzo os principais aspectos da mobilidade laboral en zonas rurais.  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios