Centros de escolares viviron en Caión e Vimianzo unha máxica xornada de radio escolar global co "Ponte... nas ondas"

Dumbriesas na xornada de Ponte... nas Ondas de Vimianzo

Menudo tesouro é o proxecto Ponte… nas Ondas! Recoñecido pola UNESCO como exemplo de Boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI), esta iniciativa de achegar a radio escolar aos centros de toda Galicia e Portugal, uníndoos a través das ondas. Dúas vilas da comarca, Caión e Vimianzo, foron partícipes este pasado venres dunha gran xornada radiovisual, na que participaron case un cento de escolas de 50 concellos.

Ponte nas Ondas en Vimianzo

Cun “Viva Ponte... nas Ondas!” comezaba a emisión ás 9:00h na Casa da Cultura de Vimianzo. Foron pasando polo escenario e polas ondas, 400 alumnos e alumnas e 33 docentes procedentes de 10 centros educativos da Costa da Morte (IES Maximino Romero de Lema, CEIP Labarta Pose, CEIP Vila de Cee, CEIP Praia de Quenxe, CPR Nosa Señora do Carme, CEIP Os Muiños, CEIP de Dumbría, CEIP Víctor Sáenz, CPI As Revoltas e CEIP San Vicenzo), nun encontro centrado no traballo colaborativo e na posta en valor do patrimonio cultural.

A emisión foise trasladando a outros puntos como Allariz, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Valença de Minho, Viana do Castelo, e Vigo. Ademais de Caión, que tamén foi un dos centros de emisión de historias vinculadas co patrimonio cultural e lingüístico. Participaron arredor de 300 alumnos pertencentes a nove centros de ensino: CEIP de Caión, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas, IES Agra de Leborís, IES Eduardo Pondal, CEIP Gándara-Sofán, CEIP As Forcadas, CPI Cabo da Area e IES Parga Pondal.

Ponte nas Ondas en Caión

A programación do “radiovisual” contemplou unha grande variedade de formatos e de guións radiovisuais que os diferentes centros prepararon para a súa realización en directo: entrevistas, actuacións, performances, magacines, intervencións literarias, teatro, danza... A participación de persoas e comunidades portadoras do patrimonio foi outra das principais intervencións na programación, transmitindo os seus saberes e facendo demostracións in situ.

A xeito de exemplo, desde a Costa da Morte chegaron as regueifas e toda a marea da cultura marítima xunto coa recuperación dun antigo curtidoiro de peles. En Santiago de Compostela a Facultade de Comunicación encheu os estudios de radio con alumnado de nove centros educativos da cidade e arredores. En Lugo participaron no radiovisual o proxecto musical de Iria Estévez ‘Camiños do fado’ e Branca Villares co grupo Troupelear.

As escolas tamén aproveitaron para a homenaxe á autora a quen se lle dedica en 2026 o Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, xornalista radiofónica que inspira ao alumnado participante na experiencia de Ponte...nas ondas!

Ponte nas Ondas en Vimianzo
Ponte nas Ondas en Caion 2

Máis novas do PNO