Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Batanciño de Servia chega a Mosquetín 18 anos despois

O Batanciño de Servia chega a Mosquetín 18 anos despois
A mesa e o rodicio do Batancino de Servia, no Forno do Forte-2005-Foto XM Lema A mesa e o rodicio do Batanciño de Servia, no Forno do Forte en 2005-Foto- Xose María Lema

Este sábado terá lugar a presentación da maqueta do batán de Servia (Lousame) no vimiancés Conxunto Etnográfico dos Batáns do Mosquetín. Un modelo que permitirá comprender moito mellor o funcionamento destes tradicionais aparellos, que servían para bater tecidos até que as fibras se compactasen. Unha maqueta que aumentará o atractivo do conxunto.

Pero a historia do "Batanciño" é ben longa, como nos conta Xosé María Lema Suárez, do Semescom. A maqueta tardou nada menos que 18 anos para chegar ao lugar ao que estaba destinado.

Corría o ano 1999 cando o propio Lema Suárez andaba investigando outros batáns galegos para completar o que despois sería o libro "O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, na Terra de Soneira. Outros batáns, folóns ou pisóns de España e Portugal", da autoría compartida co lembrado Roberto Mouzo, que publicaría o Seminario de Estudos da Costa da Morte en 2007. Xa levaban dous anos en marcha as obras de restauración do conxunto do Mosquetín, cando Lema soubo doutro exemplar en Vilacova, parroquia de Servia (Lousame). Pero “o batán xa non existía, senón esa maqueta que deixara feita o vello bataneiro José Ces, a finais dos anos 60, cando tivera que desmontar o seu batán pola Parcelaria e tamén porque xa non había clientela. O bataneiro xa morrera (en 1985), e na súa casa (a Casa do Rego) quedaba a súa viúva (Josefa Lorenzo, que daquela tiña 77 anos) e os seu fillos e demais familia. O bataneiro preocupárase por facer un batán a escala (máis ou menos a cuarta parte dun real). A familia conservara as pezas no celeiro do hórreo da eira”, explica o baiés.

O propio Lema Suárez entendeu que era unha boa ocasión para completar un conxunto etnográfico aínda en reconstrución, gracias ao naquel momento técnico cultural da Deputación e gran responsable da recuperación do Mosquetín, Felipe Senén, e a e Paco Doval. actual director do Forno do Forte de Bulo e daquela a persoa encargada da musealización do espazo. Os tres dirixóronse a Servia e conseguron que a familia o doase o batán-maqueta de José Ces para o futuro Ecomuseo do Mosquetín. “Depositouse temporalmente nas dependendias do Forno do Forte (propiedade da Deputación) e nunca máis…”, comenta.

Como se relata polo miúdo no citado libro 'O conxunto etnográficos dos batáns e muíños do Mosquetín, na Terra de Soneira' (p.97 e ss), o enclave do Mosquetín salvouse do abandono grazas á decidida intervención de Felipe-Senén López en 1997, unha vez que a Dirección do Patrimonio da Xunta de Galicia, malia os catro informes favorables de catro organismos competentes, incomprensiblemente decidira non declarar BIC o conxunto. Felipe púxose en contacto con membros das asociacións soneirás e, deste xeito, a Deputación, daquela presidida por A. César Lendoiro (PP), mercoulles ós donos os edificios e iniciou a reconstrucción, que non se remataría ata o 2002. Prevíase en 1999 un proxecto de musealización, pero este quedou esquecido cos sucesivos cambios na presidencia da Deputación: primeiro con Torres Colomer (tamén do PP) e despois con Fernández Moreda (PSOE). Foi con este cando se entregou a xestión do enclave -xunto coa das Torres do Allo- á asociación Neria nun solemne acto celebrado nas propias Torres o 1º de agosto de 2005; neste acto non houbo nin a máis mínima mención ás asociacións e persoas que botaran máis de vinte anos loitando contra vento e marea pola salvación dos edificios e aparellos do Mosquetín fronte á desidia dos organismos oficiais.

Agora, o que chaman cariñosamente “o Batanciño do Mosquetín” chega á que debe ser a súa casa. Lema Suárez lamenta que se incumprise a palabra coa familia da Casa do Rego, á que pide perdón, e espera que esta recuperación dende o Concello de Vimianzo, coa colaboración da Deputación, sirva de perdoanza.

Así, trala longa loita pola recuperación dos Batáns, veremos se o próximo obxectivo acadado, coa implicación tamén de Moncho Gándara, é a creación do Ecomuseo dos Batáns, para completar este fermoso conxunto etnográfico que podemos ver neste documental do Semescom.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios