![Sete coches quedaron complemente inundados no garaxe dun edificio en Vimianzo]()
Sete coches quedaron complemente inundados no garaxe dun edificio en Vimianzo
Vimianzo foi unha dos concellos máis afectados pola
forte tromba de auga do pasado 14 de xaneiro que anegou ducias de baixos comerciais e de garaxes. Foron moitos os veciños e veciñas do municipio vimiancés os que sufriron importantes danos materiais e por iso o goberno local informa de que está a
estudar distintas medidas para minimizar ou mesmo eliminar os danos que os temporais causan no casco urbano da vila. O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, solicitou recentemente unha entrevista coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, co gallo de estudar ditas medidas.
Entre as actuacións propostas polo concello están as de
limpar o cauce do río Grande e dos seus afluentes ou de
adaptar ás novas necesidades a canle do río que discorre polo centro da vila vimiancesa xa que esta canalización actualmente non é suficiente para encauzar toda a auga que discorre por el.
O alcalde entende que a Consellaría de Medio Ambiente debería implicarse economicamente na mellora dunha obra hidráulica realizada hai máis de 40 anos durante a concentración parcelaria e que resulta totalmente insuficiente a día de hoxe. Esta será a principal demanda na entrevista que solicitou o alcalde coa conselleira de Medio Ambiente que "agarda non se demore moito no tempo", indican dende o goberno vimiancés.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Vimianzo