Os Penedos de Traba e Pasarela reivindícanse como elemento fundamental do patrimonio natural da Costa da Morte

Visita aos Penedos de Traba e Pasarela

O que os visita, queda prendado. Iso é unha realidade absoluta cando falamos dun espazo máxico como os Penedos de Traba e Pasarela. Un espazo cun potencial enorme, no que se leva facendo moi pouco nos últimos 15 anos, a pesar de levarmos ano e medio xa cun Plan de Xestión da Paisaxe Protexida aprobado

Por todo isto, o primeiro é coñecelo. “Desde APTCM somos plenamente conscientes de que, para poñer en valor o noso patrimonio, é imprescindible comezar por coñecelo, comprendelo e recoñecelo nós mesmos, pois só así poderemos transmitilo e preservalo como merece", explica Pepe Formoso, destacando a intención da patronal turística de dar a coñecer este espazo entre a veciñanza e o tecido turístico costeiro, a través dunha saída no marco da iniciativa Sabor a Mar.

Pepe Formoso (APTCM), Mónica Martínez (alcaldesa de Vimianzo), Vidal Romaní e Paco Charlín (alcade de Laxe) na

A actividade comezou cunha charla inicial na escola de Pasarela, impartida catedrático emérito de Xeoloxía da UDC Juan Ramón Vidal Romaní, na que tamén interviñeron Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, Francisco Charlín Oróns, alcalde de Laxe, Guillermo González, dos GALP e Pepe Formoso, presidente de APTCM. Durante o encontro destacouse a importancia de preservar e difundir este espazo natural como parte fundamental do patrimonio da Costa da Morte.

A xornada contou coa participación de arredor de 50 persoas, que posteriormente realizaron un percorrido guiado de aproximadamente dúas horas polos Penedos. Ao longo do traxecto, Vidal Romani foi explicando as características xeolóxicas, históricas e culturais do enclave, contribuíndo a unha mellor comprensión do seu valor paisaxístico.

Vidal Romaní nos Penedos de Traba e Pasarela

A iniciativa destacou pola boa acollida e participación do público, nunha experiencia que combinou divulgación, natureza e identidade local. Ademais, púxose en valor o papel fundamental da veciñanza de Pasarela, que no seu momento se mobilizou para evitar a instalación dunha canteira na zona. 

 

Máis novas sobre os Penedos