luns. 06.04.2026
El tiempo

Os BNGs de Laxe e Vimianzo cualifican de “auténtica burla” o plan de xestión dos Penedos

Benxamín Queiro e Cristina Vázquez del Prisco BNG Vimianzo e Laxe
Benxamín Queiro e Cristina Vázquez del Prisco son os voceiros doBNG Vimianzo e Laxe
Os BNGs de Laxe e Vimianzo cualifican de “auténtica burla” o plan de xestión dos Penedos

Concretaban a semana pasada a Xunta e os Concellos de Vimianzo e Laxe os primeiros pasos do Plan de Xestión dos Penedos de Traba e Pasarela: aparcamentos, un pouco de asfalto para o firme e a mellora dos accesos, contempa a primeira acción despois de levarmos 15 anos esperando polo prometido Plan. 

Ante esta situación, agrupacións locais do BNG de Vimianzo e Laxe veñen de facer público un comunicado conxunto no que expresan a súa "máis absoluta indignación polo recente anuncio da Xunta" así como pola "actitude submisa e totalmente acrítica dos gobernos municipais de ambos concellos". 

Os nacionalistas cualifican de “auténtica burla” a inversión anunciada de apenas 40.000 euros para os primeiros cinco anos nas actuacións consideradas de "prioridade alta" no propio plan. Denuncian que as tres intervencións previstas: limpeza do camiño Pasarela-Traba, instalación de elementos de seguridade na Torre da Moa, e habilitación dun terreo para aparcadoiro no Brañal, “son medidas básicas insuficientes e claramente afastadas das necesidades reais dun espazo natural que leva anos reclamando actuacións de calado”.

Desde o BNG lembran que hai pouco máis dun ano o presidente da Xunta desprazouse aos Penedos para facer unha visita de claro carácter propagandístico, na que anunciou a bombo e prato un plan acompañado dunha suposta inversión de 600.000 euros. "A día de hoxe, a realidade é ben distinta: se só se destinan 40.000 euros ás actuacións prioritarias durante cinco anos, a pregunta é evidente: onde están os 560.000 euros restantes e cando pensan executalos?", cuestionan.

O BNG de Laxe e de Vimianzo advirten de que o Parque dos Penedos de Pasarela e Traba non pode seguir sometido a promesas baleiras nin a prazos eternos, e esixen a posta en marcha inmediata de medidas que levan anos enriba da mesa. Neste sentido, lembran as propostas elaboradas polo colectivo SEMESCOM e recollidas no propio plan, como os acordos con propietarios para a limpeza e plantación de especies autóctonas, o mantemento periódico dos accesos ás formacións pétreas, a mellora da accesibilidade en puntos críticos -especialmente pensando na xente maior-, así como unha aposta decidida pola sinalización, a divulgación, creación de centros de interpretación ou infraestruturas de acollida.

Papel dos gobernos municipais

Finalmente, o BNG “lamenta profundamente o papel irrelevante e conformista dos gobernos municipais de Vimianzo e Laxe”, aos que acusa de actuar como meros espectadores. "É inadmisible que os representantes públicos renuncien a defender un dos principais valores naturais do territorio, agochándose detrás da Xunta para xustificar a súa inacción. Nin presionan, nin propoñen medidas máis alá de meras reunións veciñais que cualifican como propagandísticas”.

Para os nacionalistas, esta situación evidencia un total desinterese polo futuro dos Penedos, e reclaman un cambio de actitude inmediato para garantir a súa protección, posta en valor e dinamización real.

Comentarios