mércores. 25.03.2026
El tiempo

Os Concellos de Laxe e Vimianzo concretaron coa Xunta tres actuacións do Plan de Xestión dos Penedos

Reunions dos Penedos de Vimianzo e Laxe
Os Concellos de Laxe e Vimianzo concretaron coa Xunta tres actuacións do Plan de Xestión dos Penedos

Xa pasaron 16 meses dende que a Xunta, 15 anos despois, aprobaba o Plan de Xestión dos Penedos de Traba e Pasarela. Un plan do que, polo de agora, case non hai avances públicos se ben os responsables dos concellos de Laxe e Vimianzo, veñen de manter unha reunión coa Dirección Territorial de Medio Ambiente, para avanzar nas actuacións previstas.

Unhas actuacións orientadas a mellorar a seguridade, o acceso e a experiencia das persoas visitantes neste espazo natural compartido, que inclúen a:

  • A mellora do acceso e a instalación de elementos de protección no miradoiro da Torre da Moa;
  • A mellora do camiño de acceso que comunica a zona do Penedo, en Pasarela, con Traba, mediante o acondicionamento do firme e a limpeza das marxes do itinerario para facer máis cómodo e seguro o tránsito peonil;
  • A habilitación dunha área destinada a aparcadoiro para visitantes no cruce do Brañal.

A reunión contou coa participación dos responsables municipais de ambos concellos, Mónica Rodríguez e Francisco Charlín, así como da directora territorial de Medio Ambiente, Pilar Arias, e do xefe de servizo de Patrimonio Natural, Rogelio Fernández, que analizaron os detalles das actuacións e os pasos necesarios para a súa execución.

Con estas actuacións, os concellos de Laxe e Vimianzo continúan a traballar de maneira coordinada na posta en valor dos Penedos de Pasarela e Traba, un dos recursos paisaxísticos máis singulares da contorna, co obxectivo de dinamizar o turismo de natureza e mellorar a experiencia da veciñanza e das persoas visitantes, garantindo ao mesmo tempo a conservación deste espazo natural.

MÁIS NOVAS SOBRE OS PENEDOS

Comentarios