"Traballos dos Coidados, con dereitos e salarios"

Concentración realizada en Vimianzo

Esta mañá de xoves 25 de setembro, traballadoras do sector do Coidados secundaron a folga e protagonizaron numerosas concentracións convocadas pola CIG, no marco dunhas mobilizacións por esixir unhas condicións salariais e laborais dignas

Traballadoras de residencias privadas da terceira idade, centros de día e dos precarios Servizos de Axuda no Fogar (SAF) saíron a rúa tanto en Vimianzo, coincidindo ademais coa feira, como en Carballo, diante da residencia DomusVi, para alzar a súa voz ante unha situación de precariedade total. A berros de "estamos cansadas, de ser explotadas", "menos discursos, e máis recursos", "negociación e non explotación", ou "Traballos dos Coidados, con dereitos e salarios", visibilizaron a súa batalla ante as dificultades que implica levar adiante unha folga con servizos mínimos "abusivos".

“Os cadros de persoal están ao límite, polo que cunha actividade mínima do 100%, practicamente ningunha persoa traballadora do sector pode exercer o dereito fundamental á folga”, sinalaba hoxe Adolfo Naya, da CIG-Servizos, criticando o "inmobilismo patronal, tanto no convenio de residencias privadas como no de axuda no fogar, cuxas mesas de negociación están paralizadas mentres a Xunta de Galiza segue a mirar para outro lado, ignorando as súas responsabilidades".

Concentración das traballadoras do SAF e das residencias privadas diante da DomusVI de Carballo

No SAF, condicións “cada vez peores”: horarios e seguridade

Denuncian que o convenio dos Servizo de Axuda no Fogar leva 12 anos caducado, e que xa chegou o momento de rematar cuns horarios “incompatibles coa vida persoal” e levar a cabo as valoracións de riscos nos centros de traballo, co establecemento dun protocolo actualizado que garanta a seguridade das persoas traballadoras. “Prestamos servizo en domicilios nos que se producen ameazas, acosos e agresións”.

Tamén fixo fincapé na total ausencia de axudas técnicas “mesmo para mover a persoas de máis de 100 quilos de peso”. O

Ratios insuficientes nas residencias

En canto ao sector de residencias e centros de día privados, Rosa Vila, xericultora no centro de día de Cogami en Vigo, sinalou como principal problemática os baixos ratios de persoal, até o punto de que nos días de folga o número de persoas traballadoras supera o existente en días normais. Esta escaseza de persoal provoca unha sobrecarga de traballo “brutal” que impide que as empresas poidan atopar persoal disposto a traballar nestas condicións laborais de precariedade derivadas dun convenio que expirou en 2024. Neste senso, lembrou que unha traballadora pode atender até 15 persoas ou máis. “Eu mesma, cando traballei nunha residencia, tiven que deitar unha noite a 25 persoas”.

“Moitas de nós cobramos por debaixo do salario mínimo, pero complementamos con pluses como antigüidade ou festivos e domingos”. O persoal ten que asumir tamén tarefas que non se corresponden coa súa categoría profesional. “As coidadoras temos que dar medicacións ao carecer de enfermeiras, e mesmo temos que atender pacientes con patoloxías psiquiátricas para as que non estamos formadas”. E denunciou que os centros de día están a acoller a persoas dependentes de grao 3 “cando non están preparados para atender este tipo de pacientes, polo que non se lle está a prestar unha atención de calidade”.

Máis novas