As traballadoras do SAF colgan as súas batas para reivindicar a súa seguridade
- Houbo concentracións en 5 vilas da comarca.

Pasaron xa 16 días desde o tráxico asasinato de Teresa, unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Porriño. E a situación das centos de traballadoras de todo o país segue a ser igual de vulenrable. A administración segue sen ofrecer solucións, e por iso as mulleres se lanzaron ás rúas na pasada xornada de mércores.
Houbo concentracións, convocadas pola CIG, en ducias de vilas do país, entre elas en Cee, Carballo, A Laracha, Malpica e Ponteceso, para denunciar a precariedade laboral, a falta de protocolos de seguridade e a inacción da Xunta de Galiza e da FEGAMP. "Teresa somos todas”, berraron en cada vila.

Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva de CIG-Servizos, destacaba a primeira hora da mañá a alta participación “a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados por algúns concellos” e denunciaba que “a Xunta, desentendéndose das súas responsabilidades, derivou aos concellos a declaración dos servizos mínimos, e moitos non os decretaron, deixando a responsabilidade ética ás traballadoras”.
Neste sentido, Pedro Pérez, da CIG-Servizos, explicou que “as traballadoras, ante a irresponsabilidade da administración, asumiron cubrir os servizos mínimos vitais, como levantar ás persoas usuarias, aseo, almorzo e medicación, antes e despois das concentracións”.

Violencia institucional
O manifesto ao que deron lectura ao remate dos actos de protesta denuncia o "silencio" da Xunta ante o suceso, advertindo de que morreu precisamente porque “foi silenciada” e lamentaron que “a denuncia fronte a empresa dunha situación de acoso non foi suficiente para tomar medidas inmediatas de protección, a súa palabra, a palabra dunha profesional non foi suficiente”.
Por iso consideraron que “ten que bastar unha palabra, ten que bastar a declaración dunha auxiliar para que inmediatamente se suspenda un servizo” e advertiron do alto risco físico e mental do traballado que desenvolven. Risco que aseguraron estar “fartas de denunciar” reclamando medidas nas empresas e ante o que, máis unha vez, só reciben silencio ou que “cando conseguimos convencer as empresas dalgunha medida como a suspensión dun servizo, a Xunta decide repoñelo nas condicións iniciais”.
Man de obra barata
Do mesmo xeito denunciaron que para a Conselleira de Servizos Sociais “non temos sequera a condición de traballadoras. Para ela somos man de obra barata, que desempeña un servizo público esencial, en mans de empresas privadas”. E dirixíndose a Fabiola García lembráronlle que “a seguridade laboral é un dereito das traballadoras e un deber das empresas e das administracións garantir unhas medidas de saúde laboral que eviten riscos, máximo cando estamos falando de exposición a agresións de todo tipo”.


Protocolo xa
As concentracións concluíron exixindo Un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que inclúa:
- Ante a existencia dunha denuncia ou comunicación dun posible caso de acoso, estará xustificada a ausencia ao posto de traballo.
- Que, no momento no que se reciba unha queixa de acoso dunha traballadora se suspenda cautelarmente o servizo, activándose o protocolo de acoso.
- Que se realicen xa as avaliacións de riscos, incluídos os psicosociais, en todos os domicilios.
- Habilitar un servizo efectivo para presentar calquera incidencia e dar traslado inmediato as delegadas de prevención.
