Vimianzo abre a porta para a legalización de moitas edificacións rurais
08:14 04/10/17
A Modificación puntual número 4 das Normas Subsidiarias do concello de Vimianzo - que afecta a 96 núcleos rurais nas 14 parroquias - entrou onte en vigor logo da publicación nos boletín oficiais.
Os obxectivos desta modificación puntual son, por unha banda, o de promocionar as actividades económicas no ámbito rural, facilitando a consolidación e mellora das existentes e a incorporación de novas actividades de pequena indústria vinculadas ao sector primario, e por outra o de garantir a harmonización dos usos contructivos.
Con esta modificación puntual, auméntase a ocupación máxima dos solares e permítese utilizar a edificabilidade residencial como adxectiva, coa idea de ampliar os alpendres de acordo coas necesidades actuais, permítese acaroar as edificacións, o que significa poñer dentro da legalidade múltiples edificacións tradicionais que compartían medianeira, tamén se consolidan as aliñacións tradicionais consolidadas, en edificacións e muros tradicionais, superando a obriga do retranqueo das Normas subsidiarias.
Segundo sinalan dende o concello, "esta modificación puntual vai permitir poñer dentro da legalidade moitas edificacións asentadas ao carón das vías rurais que coas Normas subsidiarias estaban fóra de ordenación".
O goberno do concello de Vimianzo indica que está traballando na actualidade en outras dúas modificacións das Normas subsidiarias, unha que afecta aos núcleos urbanos, que permitirá ampliar as superficies dos baixos, a construción de edificacións illadas e a legalización de construccións de vivendas unifamiliares, e a redilimitación dos núcleos das parroquias de Bamiro, Tines e Treos, que permitirá mellorar o aproveitamento da superficie e incorporando á legalidade edificacións que neste momento se atopan fóra dela. "Con esta modificación, vivendas que se atopan construídas en solo rústuco poderán legalizarse, como é o caso da vivenda de Bamiro que ten pendente unha orde de demolición ordenada pola Xunta de Galicia", sinalan dende o concello.
Novas relacionadas
- 12-09-17: O 3 de outubro entra en vigor a modificación puntual das normas subsidiarias de Vimianzo que afecta a 96 núcleos
- 17-07-17: Vimianzo consegue a aprobación da mellora da edificabilidade
- 22-03-17: Os veciños de Bamiro piden a ampliación do núcleo para evitar o derrubo dunha casa
- 21-03-17: Veciños de Bamiro manifestaranse o mércores diante do Concello para intentar evitar a demolición dunha casa.
- 15-03-17: A orde de demolición sobre unha casa de Bamiro une á Xunta de Portavoces.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Concello de Vimianzo.