O Concello de Vimianzo e o Motoclub O Petouco reforzan a aposta soneirá polo motor
O Concello de Vimianzo vén de dar un novo paso no seu compromiso co deporte do motor mediante a sinatura dun convenio de colaboración co Motoclub O Petouco, entidade que nos últimos anos está a desenvolver un importante labor de impulso da disciplina do trial no municipio, e que este ano traerá todo un Campionato de España de Trial.
Este acordo enmárcase na aposta do goberno local por consolidar Vimianzo como un referente na organización de eventos deportivos de primeiro nivel, especialmente nun ano no que o municipio acollerá diversas competicións de trial de gran relevancia.
Cómpre salientar o traballo realizado polo Motoclub O Petouco nos últimos dous anos, período no que conseguiu fortalecer a práctica desta disciplina e afianzar a celebración do Campionato Galego de Trial en Vimianzo, que este 2026 celebrará a súa terceira edición consecutiva na localidade.
O calendario deportivo deste ano inclúe xa varias citas destacadas:
- 10 de marzo: Campionato Galego de Trial.
- 14 de xuño: Copa Galicia de Trial infantil e clásicas.
- 12 e 13 de setembro: Campionato de España de Trial.
Esta última proba terá unha especial relevancia ao tratarse dunha competición de máximo nivel que reunirá aos mellores pilotos do panorama nacional. Ademais, combinará percorridos en zona urbana e en espazos naturais, ofrecendo un espectáculo deportivo de gran atractivo tanto para participantes como para o público asistente.


