Agroman novos clubs de lectura en Carballo e Zas
Os Concellos de Carballo e Zas veñen de anunciar a posta en marcha de novos clubs de lectura, o que dá conta do auxe destas actividades na comarca.
Un de adultos e outro infantil en Zas
O Concello de Zas lanza unha nova proposta cultural coa creación dun club de lectura para adultos e outro infantil. Realizaranse reunións mensuais ao longo de todo o curso 2025-2026 e este será un punto de encontro para as persoas participantes no que poderán compar8r as súas impresións, intercambiar opinións e crear novas comunidades a través da cultura.
O Club de Lectura de adultos está aberto a toda a veciñanza e está previsto facer unha xuntanza o segundo xoves de cada mes ás 19:00 horas na Axencia de Lectura de Baio.
Para a rapazada de 8 a 11 anos créase o Club de Lectura infantil “Papapáxinas” que se reunirá os xoves cada tres semanas de 17:00 a 18:00 horas na Axencia de Lectura de Baio.
A inscrición realízase no Centro Sociocultural de Baio ou ben a través de calquera destes números de teléfono 981 718 056 / 981 708 303. A inscrición é gratuíta.
6 clubs en Carballo
Mentres, xa están en marcha os clubs de lectura das bibliotecas de Carballo! Este ano hai seis grupos, e todos están completos agás o xuvenil:
- Club de animación á lectura en galego. Está destinado a nenos e nenas de 0a 6 anos. Sara Varela encárgase da dinamización desta actividade, que este ano tivo tanta demanda que se fixeron dous grupos. As sesións celébranse o segundo venres de cada mes na Biblioteca Rego da Balsa.
- Club de lectura infantil en galego. Dirixido a nenos e nenas de 7 a 12 anos, que se reúnen o segundo venres de cada mes, e que tamén está conducido por Sara Varela.
- Club de lectura xuvenil en galego. As reunións celébranse o segundo venres de cada mes, ao igual que os anteriores na Biblioteca Rego da Balsa, e está coordinado por Nerea López. Neste aínda quedan prazas, polo que os mozos e as mozas de 13 a 17 anos que están interesados/as poden anotarse chamando ao 981 758 580.
- Clubs de lectura para persoas adultas. Na Biblioteca Rego da Balsa reúnese o segundo luns de cada mes o noso club de lectura pioneiro, que conduce Marta Villar. A escritora malpicá tamén se encarga este curso do club de lectura Carballo en galego, que mudou a súa sede para as Escolas do Xardín Agra de Caldas, e que se reúne o primeiro venres de cada mes.