O Club de Lectura Baiolendo pechou un curso de excepcionais viaxes literarias

O Club de Lectura de Adultos Baiolendo reuniuse este luns por última vez nesta completa tempada. Polo IES Maximino Romero de Lema de Baio teñen pasado figuras destacadas no panorama literario galego como Ledicia Costas, Fernando Castro Paredes, María Reimóndez ou Abril Camino. E a última cita foi con Llerena Perozo, que analizou en común o seu libro Os anos tranquilos.

Nun encontro moi apracible coa autora, esta respondeu as nosas preguntas e foi enriquecendo as reflexións que iamos facendo con moita información de interese. A conversa detívose especialmente na protagonista María García, unha muller excepcional, procedente dunha contorna moi humilde, que, apoiada na súa sorprendente capacidade para aprender —coa lectura como ferramenta clave—, consegue abrirse camiño ata converterse nunha dama distinguida, integrada nun círculo culto e acomodado. Unha muller que non dubida en tomar a xustiza pola man para liberar da dor e da opresión a mulleres do seu círculo de familiares e amizades.
Comentou a autora que esta personaxe provocoulle momentos frustrantes, porque ela pensaba nunha serie de desgrazas e atrancos, pero, cando se poñía a escribir, ela saía de todos.
Tamén saíron a colación outros temas destacados, como o da emigración, a Revolución cubana ou o espertar cultural e político de Galicia dos anos 90, vivido este último pola escritora na súa etapa universitaria. Todo foi abordado desde unha ollada feminista, que impregna a obra na súa totalidade e define con claridade a voz propia de Llerena Perozo.
É unha narración que atrapa desde as primeiras páxinas e propicia unha lectura áxil, mesmo vertixinosa. Un verdadeiro canto de amor aos libros e á cultura en xeral.
Os lectores do club xa desexan que comece o curso para volver á biblioteca do IES baiés con novas viaxes literarias.
Máis novas de lectura