Brandomil, a Porta romana da Costa da Morte abriu as portas da súa Oficina de Turismo nesta Semana Santa

Pasan os anos, as décadas, os séculos, mesmo os milenios, e Brandomil segue a ser unha porta de entrada. Así se confirma con cada inervención arqueolóxica, e así o confirmou esta Semana Santa a Oficina de Turismo aberta no lugar, recibindo unha gran cantidade de turistas que se achegan a Brandomil atraídos pola súa fermosa paraxe protagonizada polo río Xallas e a súa maxestosa ponte, e nos últimos tempos, pola presenza do xacemento romano. Unha parada xa obrigatoria antes de entrar de cheo na Costa da Morte.

Ao longo desta Semana Santa, a oficina de información cultural e turística “Brandomil. Porta romana da Costa da morte”, promovida pola Fundación Brandomil, acolleu unha gran cantidade de turistas de diferentes partes de Galicia coma Ourense, Fene, Vigo ou Baiona, da  península, como Bilbao, Madrid, Murcia ou Salamanca, entre outros, ata de diferentes partes do mundo, dende destinos europeos como poden ser Alemaña ou Países Baixos ata Arxentina, EE.UU, Venezuela e mesmo Australia, acadando así os case 300 visitantes en só oitos días de apertura, os cales se achegaron á oficina coa finalidade de coñecer mellor a contorna.

Unha parada máis que interesante para achegar directamente ao visitante a oferta turística e patrimonial a nivel comarcal máis actualizada que permita consolidarn a Costa da Morte como un referente turístico a nivel nacional.

Pouca planificación

Unha das cousas que máis sorprende destes visitantes é que viaxan cara a Costa da Morte con pouca planificación, a meirande parte deles buscan visitar destinos clave como son Fisterra ou o Ézaro e gozar da paisaxe marítima, pero a súa sorpresa é máxima cando se lles indica as ofertas turísticas e patrimoniais que poden atopar en toda a zona, dende rutas de sendeirismo, como os Penedos de Pasarela e Traba entre Vimianzo e Laxe ata festas gastronómicas como foi o caso da Festa do Congro en Muxía, así como a amplísima oferta patrimonial que abraia a calquera, que inicia no xacemento romano de Brandomil e viaxa no tempo co Dolmen de Dombate, en Cabana e mesmo dando a coñecer os nosos hórreos como é o caso do de Carnota o cal sempre impacta aos viaxeiros máis internacionais.

Un dos recursos que máis interese xerou nesta ocasión foi o da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas. Moitos dos visitantes que pararon na oficina non coñecían esta celebración e sinalaron o interese por acudir a coñecela, do mesmo xeito así sucedeu cos actos litúrxicos e procesionais vinculados a Semana Santa de Fisterra.

 

Máis novas da Semana Santa