Arrincou en Camariñas unha histórica Mostra do Encaixe mirando ao futuro
Tralo histórico pleno celebrado na mañá de onte e que lle puxo por fin ás Palilleiras no rueiro de Camariñas, as autoridades cortaban a primeira hora da tarde o fío da XXXV Mostra do Encaixe Deputación da Coruña. Ata o domingo, o pavillón Víctor Vigo será un dos grandes epicentros da Semana Santa na Costa da Morte, sempre co lema ‘Onde o fío se converte en arte’ e tecendo un fío entre unha artesanía centenaria a moda máis vangardista.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a deputada provincial da comarca, Mónica Rodríguez; o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.

O futuro do encaixe nunha multinacional
Sandra Insua iniciou o seu discurso facendo alusión aos "tempos convulsos" nos que vivimos e mesmo arengando o "Non á guerra". Non esqueceu á xente do mar, tanto mariñeiros como mariscadoras, que están a sufrir “unha época de inmensas dificultades". Pero centrou o seu discursos en loubar o papel das palilleiras que defintiu como "arte, técnica e futuro". E precisamente fixo fincape en que "ese futuro xa está dando grandes froitos a nivel industrial. Hoxe podo anunciarvos con inmensa satisfacción que o Concello leva un ano traballando, man a man coas nosas palilleiras, nunha gran colaboración cunha multinacional téxtil coñecida por todas e todos. Un fito que demostra que o encaixe de Camariñas é vangarda absoluta e un motor económico real. Pronto
poderemos contar máis desta alianza que nos fai moi felices e que volve a situar a un produto tan artesán como o encaixe no mapa internacional”, anunciou.

Outras intervencións
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, comentou que “esta é unha cita que mellora ano a ano, consolidándose como un referente que leva a Camariñas cada vez máis lonxe” e fixo un recoñecemento de parte do “Goberno de España por todo canto estades a desenvolver aquí”.
Pola súa parte, a deputada e alcaldesa de Vimianzo Mónica Rodríguez, indicou que “a Mostra do Encaixe de Camariñas é o evento cultural de referencia en Galicia cada Semana Santa” e lembrou que “hai seis anos que quixemos unir o nome da Deputación ao
evento, amosando o noso firme compromiso con este”. A rexedora agradeceu o fundamental apoio da entidade provincial para que a Mostra adquira a altura que ten a día de hoxe.
Gabriel Alén destacou que “os e as artesáns que estades aquí, as palilleiras, desenvolvedes unha actividade que é cultura, tradición, moda e turismo. Sodes unhas extraordinarias embaixadoras de Galicia dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Primeiro desfile, do Pequencaixe
Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presenciaron a pasarela inaugural da Mostra co desfile do ‘Pequencaixe’ e o dos ‘Grandes Deseñadores’ no que as firmas participantes amosaron por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Os desfiles inaugurais estiveron amenizados pola música de Luar na Lubre.

Grandes Deseñadores da Mostra
De contado arrincoudesfile de Grandes Deseñadores, xunto aos nenos e nenas do PequEncaixe, inaugurou un ano máis a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas e as firmas, de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, demostraron que o encaixe ten a capacidade de brillar con luz propia na moda contemporánea.
Nesta trixésimo cuarta edición participan 12 firmas: Ana Cabranes, Andion Clothing, Claudina Mata, Devota & Lomba, Innamoretto, El Pulpo, Dolores Cortés, José Perea, Xoaquín Ruíz, MATTEÔS Bridal, ÔSE Couture e a firma local Ondas do Mar.

A deseñadora asturiana Ana Cabranes, que participa no evento desde o ano 2003, presenta presenta unha colección cápsula que destaca por ter moita luz e unha sensación de fusión do encaixe co ton, sendo todo un”. A firma de Xoaquín Ruíz, que comezou participando no concurso de Noveis Deseñadores e pasou pola pasarela de Firma Emerxente para dar o salto este ano aos Grandes Deseñadores, presenta unha colección “que xira en torno á delicadeza dos detalles e á forza do artesán, onde Andalucía se atopa con Galicia”.
A marca galega Andión, fundada por nai e filla, volveu á Mostra e aposta nesta ocasión por “darlle aínda máis protagonismo ao encaixe, centrándonos na noiva contemporánea pero sempre con base de tradición nos tecidos”. A camariñana Josefina Campaña e a súa firma Ondas do Mar, dá o salto este ano á pasarela de Grandes Firmas desde a de ArtEncaixe e presenta “a mestura de ideas que sae cada segundo na miña cabeza, a mestura do encaixe e o fío”.
A granadina Claudina Mata presenta unha nova colección de traxes de noiva “na que exploro a femininidade desde un punto de vista actual”. DEVOTA&LOMBA integra “encaixe cos sombreiros onde enlazamos tradición e vangarda”.
A deseñadora valenciana Dolores Cortés non podía faltar á Mostra e presenta a súa nova colección de traxes de baño para o verán 2026, que se inspira na cultura nómada Maasai “para fusionar tradición e modernidade con estampados que reflicten unha profunda tradición coa naturaleza”.

O deseñador andaluz José Perea, un dos perfís máis mediáticos, audaces e rompedores do panorama da moda española actual, debutou por primeira vez na pasarela galega cunha colección cápsula “con moito volume e vestidos elegantes á vez que transparentes”.
A firma galega ElPulpo regresa tras o seu éxito en 2024 e amplía os seus deseños con propostas femininas para a súa liña ‘Teen’ coa súa colección cápsula ‘Encaixe de Amor’. O dúo asturiano Innamoretto, formado por Ignacio Muñoz e Claudia González, debuta no evento fusionando o ‘streetwear’; a xastrería clásica e a pel coa tradición das palilleiras.
Por último, José Matteos dobra outro ano máis a súa presenza na Mostra presentando dúas firmas: ÔSE Couture e MATTEÔS Bridal. ‘Camariñas, tierra querida’ é a colección de MATTEÔS Bridal, dirixida a noivas que buscan pezas especiais e valoran o traballo artesanal; e ‘Galicia Eterna’, o contrapunto conceptual de ÔSE Couture, “unha proposta con moita forza que conecta coas miñas raíces”.
Programa do XOVES 2 DE ABRIL
- 11:00 Apertura. Encontro de encaixeiras/os.
- 12:00 Presentación do libro “Punto de Araña” de Nerea Pallares.
- 12:20 Presentación do libro “A fresa dourada” de Anxo Mouzo.
- 12:45 Costura en directo co deseñador José Perea.
- Desfile “Firmas A”.
- Desfile “ArtEncaixe A”.
- Desfile “PequEncaixe”.
- 16:45 Desfile “Noveis Deseñadoras/es Grupo B”.
- 18:00 Desfile “ArtEncaixe B”.
- Desfile “Delegacións Internacionais”.
- Desfile “Firmas B”.
- 19:00 Desfile “Noveis Deseñadoras/es Grupo A”.
- 20:30 Teatro “Fíos da memoria” (entrada gratuíta).
- 21:00 Peche dos stands.

