O libro “Intelixencia Artificial para a sociedade” acada a súa segunda edición
- Mención de honra no “IX Certame de Curtas Alberto Romero” en Ribeira, ao traballo levado a cabo no IES Maximino Romero de Lema.
O libro “Intelixencia Artificial para a sociedade”, escrito por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, alcanza a súa segunda edición, consolidándose como unha ferramenta pedagóxica esencial para achegar a intelixencia artificial (IA) á sociedade galega.
Esta obra, publicada por Medulia Editorial, destaca pola súa capacidade para explicar conceptos complexos de forma accesible e práctica. Está dirixida a un público moi variado, dende docentes e estudantes ata calquera persoa interesada en comprender o impacto da IA na nosa vida cotiá. Inclúe actividades prácticas que permiten experimentar coas posibilidades desta tecnoloxía, así como reflexións sobre os desafíos éticos, sociais e legais que implica.
Este libro, escrito en galego xa saiu fóra das nosas fronteiras, posto que a comezos de mes os autores foron a Cacabelos (León) a presentalo no IES Bergidum Flavium, centro no que se imparte a materia de galego e onde o alumnado puido coñecer as posibilidades que a IA ofrece para o seu proceso de ensino-aprendizaxe explicado dende a nosa lingua.
A Consellería de Educación da Xunta de Galicia recoñeceu o valor didáctico desta publicación, felicitando aos seus autores polo seu compromiso coa innovación educativa. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou o IES Maximino Romero de Lema en Zas, onde Fina Paulos e Óscar Rey imparten docencia, para coñecer de primeira man o proxecto e a súa utilidade na formación do alumnado galego.
Novas presentacións
Os autores estarán presentes esta semana en varios actos relevantes para dar a coñecer o seu traballo: o luns no Colexio de Santa Margarita na Coruña e na Asociacion ASPRONAGA (onde queren coñecer como a IA pode axudar a mellorala calidade de vida dos seus usuarios); o martes participarán en Bergondo, no Pazo de Mariñán, nas “IV Xornadas de formación Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e os seus contornos” organizadas pola Delegación do Goberno en Galicia a través da área de Alta Inspección de
Educación.
Novo premio
Paralelamente os mestres seguen indo polos certames de todo o estado cos traballos que realiza o seu alumnado. Neste caso, os alumnos María Amado, Jorge Oreiro e Manuel Campos, acompañados dos mestres, desplazáronse este sábado a Ribeira para asistir á gala do “IX Certame de Curtas Alberto Romero”, onde recibiron unha mención de honra pola participación do noso IES no festival.
O Certamen de Curtas Alberto Romero, organizado polo Concello de Ribeira, é unha iniciativa que busca. promocionar o talento audiovisual entre a mocidade, incentivando a creatividade e o traballo en equipo. Nesta novena edición, participaron centros educativos de toda Galicia, destacando a calidade e a orixinalidade dos proxectos presentados.
O IES Maximino Romero de Lema presentou unha serie de curtas que fomentan valores educativos como a igualdade, a loita contra a violencia de xénero, fomento do galego, diversidade sexual ou uso responsable das TICs entre outros, realizadas por alumnado de distintos niveis educativos do noso centro.
Esta mención de honra supón un recoñecemento ao esforzo e á adicación tanto do alumnado como de Fina e Óscar, implicados nos distintos proxectos audiovisuais realizados no IES.