O pleno de Zas únese para reclamar a Autovía e a supresión das peaxes da AG55

Peaxe da Autoestrada A Coruna-Carballo

Unha moción presentada no pleno do pasado venres pola concelleira do Partido Socialista en Zas, Sheila Rial, conseguiu acadar o apoio de toda a corporación para  instar á Xunta de Galicia a retomar o proxecto completo da autovía, redactar o tramo final ata Cee e suprimir as peaxes da AG-55. Tanto o PSOE, como o BNG e mesmo o PP, votaron a favor desta demanda histórica da comarca.

“Non se pide privilexios, estase a pedir xustiza territorial cunha infraestrutura que leva anos sobre a mesa e que acumula recortes, sobrecustes e retrasos”, afirmou unha concelleira que destacou que “son 20 anos de promesas sen cumprir, e sen que a xente de Zas e de toda a comarca teñamos unhas conexións dignas, seguras e libres de peaxes” e sinalou que “despois de tanto tempo de espera non podemos resignarnos á versión recortada desta infraestrutura, que é clave para o futuro do rural”.

En xuño anunciouse a continuación do proxecto, logo de nove anos de paralización, cunha prolongación do corredor de 5,5 quilómetros. Ante esta noticia, Rial manifestou que “é un anuncio que celebramos pero que non é suficiente, non podemos estar conformes. Fálase dunha conexión básica e xa iniciada, con estudos feitos e cun trazado en parte xa expropiado”.