A Autovía, a gran tomadura de pelo da Xunta do PP á veciñanza da Costa da Morte

A da Autovía é a meirande tomadura de pelo que o goberno da Xunta ten realizado á veciñanza da Costa da Morte nos últimos 20 anos. Unha infraestrutura que podería cambiar a relación coa Coruña, facilitando a mobilidade e o comercio coa cidade herculina.
Pero as promesas seguen sendo mentiras, as partidas orzamentarias destinadas nos Orzamentos acaban esquecéndose ou desviándose a outras "prioridades", porque a nosa comarca segue a ser un espazo abandonado, que segue rendendo pleitesía a quen que lle abandona en cada comicios.
Nada fai o PP a pesar das numerosas protestas dos grupos da oposición. PSOE e BNG levan anos levando iniciativas ao Parlamento pedindo á Xunta que rematen unha Autovía proxectada hai máis de 22, e que aínda a día de hoxe non está realizada máis que ao 50%, e proxectada noutro 20%. Pasan os anos (xa van 8 das últimas obras) e as máquinas seguen sen aparecer no treito Baio-Berdoas (reducido ademais de Autovía a Corredor dun só carril por sentido), xa proxectado dende hai unha década, e cuio desmonte xa está feito dende hai 15 anos. Pero é que nada se sabe do treito Berdoias-Cee, necesario para rematar a infraestrutura de comunicación.
Enésima concentración do BNG
Onte o BNG realizou unha rolda de prensa, a enésima, esixndo á Xunta que "aprobe o proxecto e licite o remate da autovía da Costa da Morte xa". A comitiva nacionalista no evento celebrado en Salto, lembrou que vén de presentar novas iniciativas no Parlamento galego nas que reclama á Xunta de Galiza que inicie os trámites da licitación neste primeiro semestre do ano para executar o tramo da autovía AG-55 entre Salto e Berdoias, incluíndo o desdobramento da vía, con dous carrís para cada sentido de circulación.
O representante nacionalista, que compareceu acompañado dos alcaldes de Corcubión e de Zas, ademais de representantes do BNG das distintas localidades da comarca, explicou que esta semana visitou as oficinas da AXI (Axencia Galega de Infraestruturas) para ver os expedientes relativos á autovía, e declarou que van a esixir ao goberno galego que aprobe o proxecto da primeira fase de prolongación da AG-55.
Alegacións
Oscar Insua manifestou que “a Costa da Morte non pode agardar máis; comprobamos na AXI que despois de cinco anos, a Xunta contestou ás alegacións ao proxecto hai uns días e o teñen por tanto aínda sen aprobar. Que vaian buscando os cartos debaixo das pedras porque os 8 M€ non van chegar a nada”.
“Todo isto é produto do desleixo e falta de compromiso do PP coa comarca, e a situación ten que cambiar xa”, sinalou o parlamentario do BNG, que subliñou que “despois de dúas décadas de falsas promesas seguen sen rematar a autovía da Costa da Morte, namentres a comarca segue perdendo poboación e oportunidades de implantación de empresas por non ter unhas comunicacións competitivas, e sobre todo, perdendo vidas nas estradas ao persistir menos seguridade nelas”.
Insua insistiu en que “o BNG non vai a permitir que pasemos por unha autovía de segunda, e agardamos que o PP da Costa da Morte non se agoche e lle esixa ao goberno galego que cumpra co que prometeu”.
Máis novas