Os Premios Fouciño cumplen 10 anos apostando polo cinema en galego

Alejandro Gándara levando os Fouciño ao IES de Baio

Xa pasaron dez anos desde que un grupo de mozos e mozas de Baio organizaba os I Premios Fouciño, impulsados polo aniversario da que fora a primeira película feita na Costa da Morte: O fouciño sanguento. Desde aquela edición inicial, que naceu para loitar contra o illamento cultural da comarca e darlle un impulso ao cinema en galego desde a base, a evolución é manifesta. Tras unha serie de idas e voltas, hoxe o festival de cinema baiés estase a asentar coma un referente na provincia, especialmente se miramos fóra das cidades.

O festival, apoiado polo Concello de Zas, desenvolverase do 22 ao 24 de outubro en Baio (Zas), cunha serie de actividades e proxeccións (este no centrados no mundo galego da animación) pero a cousa xa está en marcha. Esta semana o primeiro certame de cinema da Costa da Morte acaba de publicar as bases e o formulario de inscrición para a VI Edición do seu concurso de curtametraxes, que permanecerá aberto ata o 30 de xuño. A inscrición e as bases poden realizarse facer nesta ligazón.

Novidades: aumenta a 15 minutos a categoría Xeral + mostra de animación

O concurso ten dúas categorías. Unha aberta ao público en xeral, cun premio de 1.000€ para a mellor curtametraxe, e outra dirixida ao alumnado dos centros escolares galegos, cun premio de 500€ para o centro gañador. O premio do público estará dividido en dous, cun premio de 150€ para cada categoría. Como novidade desta edición, a duración máxima de cada curtametraxe para a Categoría Xeral será de 15 minutos, fronte os 10 na Categoría Escolar, que se mantén igual aos anos anteriores.

Obradoiros escolares

Roi Fachal no IES de Ponteceso

Para fomentar a participación dos centros escolares no certame, a organización dos Premios Fouciño xa comezou a dar obradoiros de cinema en centros de ensino da Costa da Morte. O primeiro celebrouse o pasado 21 de marzo no IES Eduardo Pondal de Ponteceso. O segundo foi o pasado venres no IES Maximimo Romero Lema de Baio, onde o alumnado tivo a oportunidade de ver en primicia o documental A Costa e os castelos, un exemplo do “cinema de proximidade” que intenta fomentar o festival.

Os centros interesados nestas charlas poden contactar con nós no enderezo electrónico premiosfoucino@gmail.com para recibir máis información.

Máis novas do Fouciño