As Torres do Allo, epicentro da creación cinematográfica galega
- A familia baiesa dos Premios Fouciño aproveitarán a cita para presentar o programa completo da súa nova edición.
O Pazo máis antigo de Galicia convírtese este mércores 7 de agosto no centro do cine galego. O primeiro Encontro Atlántico de Festivais Cinematográficos celébrase nas Torres do Allo dende 11:30 da mañá.
Unha iniciatva de Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, para xerar sinerxias entre os 29 festivais que hai a día de hoxe en marcha no país, entre os que temos o Carballo Interplay, o Mares da Fin do Mundo ou os Premios Fouciño. Precisamente, a familia baiesa, ademais de estar presente na mesa redonda das 12:00h ("Para que sirven os ciclos de cinema?"), aproveita a cita para presentar aprogramación da nova edición do festival.
O festival baiés, por certo, está a recoller televisores vellos para engalanar o festival. Se tendes algún no faiado non dubidedes en contactar con eles.
Non faltarán tampouco as responsables do Interplay, que precisamente veñen de anunciar as datas para a edición de 2025, na que festexará 12 anos apoiando a creación audiovisual galega e atraendo a Galicia aos mellores talentos da rede. Celebrarase do 24 ao 27 de abril en Carballo.