Unha renovada e arricada Festa da Carballeira que mantén intacta a súa esencia

Diego Blanco, Xurxo Fernandes, Natividad Gonz., Manuel Muíño e Cristina Canosa presentando a Carballeira de Zas na cervexería da Estrella Galicia da Coruña

Prepárase a marabillosa Carballeira de Velar para a fin de semana do 7 e 8 de agosto. A Festa da Carballeira de Zas ten case todo listo para a súa 41ª edición, unha das máis ambiciosas, potentes e agardadas polo público. O Concello de Zas, a Deputación da Coruña e Estrella Galicia presentaron hoxe de xeito oficial na Coruña un cartel espectacular de primeiro nivel que promete converter a Costa da Morte no epicentro cultural de Galicia.

Dende a organización xa se califican de "festival boutique", reafirmándose como un dos encontros máis potentes da música folk a nivel nacional e internacional. Cunha directiva totalmente renovada que recolle o testemuño de décadas de tradición, a organización deseñou dúas xornadas nas que a música de raíz, a gastronomía local e a identidade comunitaria fusionaranse nunha experiencia única para todas as xeracións.

O novo director do festival, Diego Blanco, asumiu o liderado con moita ilusión e un firme respecto polo legado recibido: “Afrontamos esta nova etapa cun profundo respecto polo camiño percorrido. O noso gran obxectivo é manter intacta esa esencia popular que fai única á Carballeira e soster o gran nivel acadado polas directivas anteriores, pero facéndoo coa proposta máis atractiva e máis arriscada da historia da Carballeira ao tempo que impulsamos a súa proxección cara ao futuro”. 

 

No acto, ademais do alcalde Manuel Muíño, e a deputada Natividad González tamén estivo presente Xurxo Fernandes, membro do grupo Radio Cos, que expresou que:  “Volver á Carballeira de Zas é, para nós, sentirnos coma na nosa casa. Este festival apoiounos cando arrancamos a nosa carreira e por iso é tan especial. Trátase dun verdadeiro lugar de resistencia a través do pracer da música e un escenario máxico onde nace, se coida e se impulsa con orgullo a música da nosa comarca”.

 

Tradición e vangarda

venres 7 de agosto, o festival abrirá as súas portas  a partir das 22:00 horas co son de El Nido. A noite continuará coa revolucionaria fusión de música electrónica e tradicional de Baiuca, para pechar a primeira xornada por todo o alto co prestixioso clarinetista bretón David Pasquet.

sábado 8 a música arrancará cedo, ás 12:00 horas, cun formato totalmente familiar e interxeracional da man de Paco Nogueiras, a música de Xabier Díaz, o espectáculo da CE Orquesta Fantasma e o ilusionismo do Mago Teto. Esta intensa mañá servirá como antesala para a tradicional e gran Foliada popular. 

Xa de cara á noite do sábado, os grandes concertos principais encherán o recinto coas propostas de Alana, o directo de Radio Cos, o folk internacional dos irlandeses Blackwest e o agardado directo do dúo Fillas de Cassandra. O broche final e o peche desta edición correrá a cargo do ritmo de Señora DJ.

Entradas, prezos e servizos gratuítos

A venda anticipada de bonos online está a recibir unha gran resposta por parte do público. Os abonos regulares pódense adquirir a través de páxina oficial do festival: https://www.festadacarballeira.com/ e nas súas redes sociais oficiais (Facebook, Instagram e X). De cara aos días do evento, os prezos fixados para as entradas en taquilla serán de 20 euros para o venres, 20 euros para o sábado, e un abono para os dous días completos por un prezo de 30 euros. 

Co obxectivo de fomentar o relevo xeracional e facer do festival unha experiencia aberta e accesible para todo o mundo, haberá entrada totalmente gratuíta para os menores de 14 anos e para os maiores de 65 anos.

Como é tradición, todos os asistentes disporán dun espazo lúdico infantil, feira de artesanía, unha coidada e variada oferta gastronómica e a habitual zona de acampada gratuíta dotada con baños e duchas, situada a moi poucos metros do recinto musical na Carballeira de Velar de Zas.

Histórico da Festa da Carballeira