Zas quedou pequena para a gran volta da Festa da Carballeira

Éxito total na volta da Festa da Carballeira de Zas tras dous anos sen festa. Había moitas gañas de volver encher de vida a Carballeira de Velar, e así o demostraron os milleiros de amantes da música folk que acodiron á chamada desta 37ª edición do festival máis lonxevo da Costa da Morte. Xentes chegadas dende Zas, dende a Costa da Morte, pero tamén dende moitas partes de Galicia.
Máis alá da música, a xente destacou a gran organización (máis de 100 persoas velaron porque todo saíse perfecto a pesar dalgunha cola dificilmente evitable con tales cantidades de xente) e o respecto pola contorna que tan ben vén pedindo a organización coas campañas medioambientais que poñen en valor o máxico auditorio natural.

Daba o pistoletazo de saída o venres pola noitiña o presentador Roi da Costa, co clásico “Eiiiii Carballeira!”, xa coa carballeira chea. Porque poucos venres como este se viviron na festa zaseira. Entre as gañas de troula e o tirón dos eternos Herdeiros da Crus a carballeira estaba a rebentar. De feito, o “eu queeeeero, eu quero josar” escoitouse na autovía do que berraron os asistentes, que disfrutaron dunha das mellores actuacións en 30 anos da banda galega.

Mileth foi o grupo encargado de poñer punto e final a unha primeira xornada na que todos e todas os presentes desfrutaron de boa música en directo, dun ambiente inigualable e da preciosa entorna que rodea este espazo.

A xornada do sábado arrincaba cunha sesión vermú espectacular. Xabier Díaz e as Aduferias de Salitre provocaron que se superaran todas as expectativas posibles quedando pequeno o espazo, creando un ambiente inigualable e excepcional entre todo o público.

Á mesma hora abriron as portas da feira de artesanía con postos de todo tipo: roupa, mimbre, xogos feitos en madeira, instrumentos tradicionais, cosmética natural, bisutería, etc.
As gaitas e as pandeiretas foron as outras dúas grandes protagonistas da xornada, elas e máis o baile. O público non deixou de bailar durante toda a mañá e a tarde, parando únicamente a repoñer forzas coa comida e bebida. A mexilloada popular foi un ano máis un éxito entre todos os asistentes.

Tras a foliada e o grupo Arredores, a noite deixou sitio para máis festa coas actuacións de Deira, Xisco Feijoó, Rura e Sondarúa. Os encargados de abrir o turno da noite foron os integrantes de Deira, unha banda de folk composta por un asturiano e dous andaluces que crean un estilo moi personal e auténtico que gustou moito aos alí presentes.
Xisco Feijoó puxo a bailar a toda a Carballeira facéndoos entrar en calor. A versatilidade deste artista non deixou indiferente a ninguén e desde logo que quedaron gañas de que volva.
Os seguintes foron o grupo escocés Rura, a aposta internacional do cartel deste ano que foi tamén un éxito entre os asistentes.

Sondarúa pechou esta 37ª edición co seu estilo combativo que non se fixo repetitivo. O grupo de rap galego puxo o punto final á edición máis esperada e desexada coas súas cancións cantadas polo público a pleno pulmón para despedir a festa como era merecido.

A CARBALLEIRA EN IMAXES
Novas relacionadas
- 2020: A Festa da Carballeira, a 12ª Festa de Interese Turístico da Costa da Morte.
- Carballeira 2019: Crónica: Tradición e vangarda déronse a man na 36ª Festa da Carballeira de Zas.
- Unha viaxe ás orixes da Festa da Carballeira de Zas.