A Festa da Carballeira para toda a familia
Despois da fermosa noite de venres, o sábado foi o día grande da 39ª edición da Fefsta da Carballeira de Zas. O festival máis lonxevo da comarca mantense máis en forma que nunca e así o demostrou cunha completísima xornada sabatina para toda a familia.
Abríanse cedo as portas para que as familias comezasen a gozar de todas as actividades, actuacións musicais e unha comida exquisita.
A sesión vermú estivo amenizada polo grupo infantil Gramola Gominola, a artista galega Guadi Galego, o grupo Fanfarria Taquikardia. Unha gozada que as crianzas poida vivir estas experiencias musicais sen necesidade de trasnoitar.
Entre baile e gargalladas tamén houbo tempo para xantar a xa tradicional mexillonada popular, onde, un ano máis, se repartiron miles de racións. E, para seguir pasándoo en grande, os cativos contaban con xogos tradicionais, inchables e outras actividades. Pola súa parte, os asistentes máis adultos puideron pasear pola feira de artesanía, a cal contaba cun gran número de postos con instrumentos musicais, bixutería, roupa, e moito máis.
A festa xa collera ton cando chegou a quenda da Gran Foliada a media tarde. Un público moi animado saíu a bailar, tocar e cantar coa música galega da man de Pandereteiros O Fiadeiro, Brincadeira, Pandereteiras Xacarandaina, Os Petadores e Churía. A sesión de tarde pechou por todo o alto co concerto da banda galega de música folk De Ninghures, abrindo boca para o que viña mais tarde.
Chegada a noite, subíronse ao escenario Os do Fondo da Barra, presentando o seu traballo Banzo e, a continuación, chegou a quenda da banda internacional da edición, chegados de Alemaña co seu folk punk irlandés, The O ́Reillys and the Paddyhats, que fixeron gozar aos asistentes coa súa enerxía.
A festa continuou da man do galego Mondra, quen, xunto a Storrentos, coroaron unha 39 edición chea de momentos inesquecibles, con moita música e o ambiente único da Carballeira.
Hoxe, xa cunha gran resaca emocional, ponse a conta atrás para unha das edicións máis especiais, o 40º aniversario.
Máis novas da Carballeira
- Carballeira 2022: Zas quedou pequena para a gran volta da Festa da Carballeira
- Carballeira 2020: A Festa da Carballeira, a 12ª Festa de Interese Turístico da Costa da Morte.
- Carballeira 2019: Crónica: Tradición e vangarda déronse a man na 36ª Festa da Carballeira de Zas.
- Carballeira 2017: A Festa da Carballeira vence ao orballo e ao vento coa súa música de raíz.
- Carballeira 2016: A Carballeira de Zas bate marcas