Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Un milleiro de persoas pasaron polas Torres do Allo para ver a Mostra do Traxe Tradicional

Un milleiro de persoas pasaron polas Torres do Allo para ver a Mostra do Traxe Tradicional

Máis dun milleiro de persoas pasaron dende o pasado 23 de marzo polas Torres do Allo para ver a "Mostra do Traxe Tradicional da Terra de Soneira". As pezas excepcionais achegadas pola Asociación de Baile Tradicional CHURÍA, tanto prendas como recollidas audiovisuais e material fotográfico antigo, proporcionou un carácter de oportunidade a esta mostra organizada pola Concellería de Cultura de Zas.

Ao longo de todo o mes de abril a exposición puido verse en horario de apertura do pazo, moitas veces acompañadxs por propios membros da asociación que ofreceron os seus coñecementos sobre os materiais expostos. Tamén realizaron un Obradoiro de Flocado Tradicional que esgotou as prazas ao pouco de abrirse a inscrición. Ademais, a Asociación Cultural Adro ofreceu outro taller, desta volta un Obradoiro de Colares Tradicionais que resultou unha experiencia moi rica para as persoas participantes.

Todas estas actividades, levadas a cabo como parte da xestión das Torres do Allo, finalizaban o pasado domingo 29 abril cunha posta en escena no que se desvestiron os manequíns e cobraron vida nos corpos dos bailaríns e bailarinas do grupo de baile. Unha exposición que non sería posible sen o traballo de colectivos locais como a Asociación Cultural Castro-Meda. O coidado e corazón co que o Concello de Zas organizou esta mostra fixo que máis dun milleiro de persoas se achegaran ás Torres do Allo para desfrutala.

Fonte

Concello Zas

Comentarios