Zas ofrece Campamentos de Conciliación para a Semana Santa

CARTEL ZAS - O Concello de Zas impulsa campamentos de Semana Santa de balde para favorecer a conciliación familiar

O Concello de Zas pon en marcha unha nova edición dos seus campamentos de Semana Santa, unha iniciativa pensada para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período non lectivo. A proposta desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril nos Centros Socioculturais de Zas e Baio, en horario de 10:00 a 14:00 horas. 

Esta actividade está dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, ofrecendo un espazo educativo e lúdico no que as crianzas poderán gozar de distintas actividades adaptadas ás súas idades. 

O Concello de Zas destaca especialmente que estes campamentos son completamente de balde. Trátase dunha medida que busca facilitar o acceso a este tipo de servizos a todas as familias, especialmente aquelas con menos recursos, sendo ademais un dos poucos concellos da Costa da Morte que ofrece este tipo de programas sen custo para a cidadanía. 

Inscricións

As inscricións poderanse realizar nos centros socioculturais municipais nos seus horarios habituais: no Centro Sociocultural de Zas, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas; e no Centro Sociocultural de Baio, de martes a venres de 13:30 a 20:30 horas, ambas a través dos correspondentes números de teléfono, no 981 751 398 e no 981 718 056.