Máis 50 nenos demostraron en Zas a necesidade de programas de conciliación na ponte de Defuntos
          Como o servizo de madrugadores, o Concello de Zas ten claro a necesidade de programas de conciliación para fixar poboación que permiten criar e traballar. E moitas veces os calendarios lectivos non coinciden cos laborais, como aconteceu esta ponte de Defuntos, na que venres e luns foron non lectivos pero si laborables.
Tendo en conta esta circunstancia, o Concello de Zas ofreceu dúas xornadas de obradoiros (a do 31 de outubro e a do 3 de novembro) que aproveitaron as familias de máis 50 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, matriculados nos centros de ensino de educación infantil e primaria do municipio.
A rapazada realizou diferentes actividades adaptadas ás súas idades e guiadas por un equipo de monitores e monitoras, mentres os pais e nais puideron ir traballar sen ter que pedir o día ou encalomarlle as crianzas aos avós.
O Alcalde, Manuel Muíño, aproveitou para visitar á rapazada e recordou que o “Concello de Zas foi un dos poucos da zona que ofreceu unha alternativa para as familias durante estes días non lectivos”.
      
      
            
            
        