Zas prepara dúas festas e dous obradoiros de conciliación para o Entroido

Entroido xa case está aquí e no Concello de Zas xa teñen todo preparado para recibir unha das festas máis agardadas do ano. 

A programación especial arranca o sábado 1 de marzo cunha gran festa de Entroido no polideportivo municipal de Baio a partir das 17:00 horas. Haberá inchables, maquillaxe, xogos e un concerto-punk para os máis pequenos amenizado por Brais das Hortas e Peter Punk. Tamén haberá doces típicos de entroido e cantina a favor do alumnado de 4º da ESO do IES de Baio.

Como de costume nas vacacións escolares, o Concello de Zas oferta uns obradoiros para a rapazada co fin de facilitar a conciliación laboral e familiar da veciñanza. Os talleres serán os días 3 e 4 de marzo e realizaranse dúas sedes; unha no Centro Sociocultural de Zas e outra no Centro Sociocultural de Baio. As dúas serán en horario de 10:00 a 13:00 horas e para participar é necesario anotarse previamente no 981 751 398 ou no 981 718 056. Son de balde.

Ademais, o martes de entroido, 4 de marzo, terá lugar no pavillón de Zas o tradicional concurso de disfraces, que estará acompañado dunha gran festa que comezará ás 16:00 horas e na que haberá inchables, pintacaras, animación musical con Pequedisco Moc Moc e filloas á pedra para todos e todas. Tamén haberá máis doces tradicionais do Entroido e cantina a favor do alumnado de 4º da ESO do CPI de Zas.
A iso das 19:00 horas comezará o concurso de disfraces no que se poderá participar tanto de forma individual como en grupos. Repartiranse 1.750€ en premios, entre eles o premio especial “Zaschoqueiro” de 100€ ao disfraz máis orixinal e peculiar ataviado de xeito artesanal e estrafalario.

Para participar no concurso de disfraces é necesario anotarse previamente nas dependencia do Concello ou ben o propio día do concurso antes das 18:00 horas no propio polideportivo. A bases do concurso tamén se poden consutar na Sede Electrónica do Concello de Zas.

Máis citas de entroido