Imprimir

Conmoción en Galicia polos dous naufraxios da Costa da Morte

que pasa na costa | 21 de decembro de 2018

Vineta da empresa Courious Brain sobre os sucesos no mar Viñeta realizada pola empresa pontecesá Courious Brain sobre os sucesos no mar A Costa da Morte vive unha semana de absolta conmoción, tralos sucesos acontecidos no noso mar. Dous naufraxios e 4 falecidos en menos de 24 horas baten con forza as nosas almas, e fannos reflexionar sobre as cousas importantes. Nestes 18 anos de século, xa son máis de 100 os barcos que afundiron nas costas galegas, sendo ademais os pesqueiros os máis perxudicados. Unha realidade que remexe as conciencias de todas as xentes do noso mar, e que afecta traxicamente ás expectativas de comarcas salgadas como a nosa. Na Costa da Morte lembramos con rabia anos duros como o 2002, cando o Panchito se deixaba cinco mariñeiros no fondo do mar de Muxía, e cando tamén finaban dous homes no Fervenza III que varaba nas Illas Lobeiras. Ou aquel 2011, o do afundimento do Nuevo Luz, un pesqueiro malpicán que deixaba dous homes atrás; e do Serviola Uno, naufraxio o que morría un mariñeiro pola ría de Muros. Esta semana tocou nas dúas puntas da comarca. Un nos perigosos Baixos Meixidos, zona coñecida como cemiterio de barcos pola perigosidade das súas rochas, que forman un auténtico campo de minas a 4 millas das costas de Carnota e Muros. Outro en Malpica, ás portas da dársena.

E a Base de Salvamento?

Dous sucesos que nos fan pensar de novo na esquecida Base de Salvamento da Costa da Morte. Despois da desastrosa creación da base do heliporto de Lires e a pesar das continuas peticións do BNG, as administracións esquecen eses 40.000 barcos que pasan cada ano polo noso Corredor, e os centos de barcos de pesca que saen a faenar cada día pola zona. Outros profesionais lembran tamén esas iniciativas que intentaron promover equipos de protección para os traballadores do mar, como un pequeno chaleco salvavidas, cómodo, adecuado para traballar, e que exista a obriga de poñelo a bordo.

”E aínda din que o peixe é caro”

Como versa esta ilustrativa viñeta da empresa pontecesá Corious Brain, a realidade do mar ponnos en alerta para reflexionar sobre a importancia da valorar os nosos recursos e os traballos que fan as nosas xentes. Unha realidade exportable ao traballo dos percebeiros, que ao longo da semana tamén se xogaron a vida para conseguir un dos petiscos máis especiais de da mesa de nadal. Por algo é o rei do marisco.

Días de luto oficial

Ante estas catástrofes, o Concello de Malpica decreta 2 días de luto oficial e suspenderán o ágape de nadal de traballadores municipais, o concerto de Nadal do venres e a proxección do sábado. Ademais, o presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, aproveitou a sesión de onte para expresar o seu pesar polos falecidos nos últimos naufraxios na costa galega, enviando o seu, e de todo o Parlamento, “sentido pésame” ás familias dos falecidos nos dous naufraxios rexistrados nas últimas horas nas costas galegas, sentimento que fixo extensivo a “toda a xente mariñeira de Galicia”. Tamén o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, desprazouse onte á tarde ata a localidade de Malpica, onde trasladou as súas condolencias e as do Goberno á familia do marinero falecido no naufraxio do pesqueiro “O Silvosa”, tras unha xuntanza co alcalde Eduardo Parga.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/mar/conmocion-en-galicia-polos-dous-naufraxios-da-costa-da-morte/20181221102423090092.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA