Imprimir

O BNG presentou unha batería de enmendas ao Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro

que pasa na costa | 15 de outubro de 2018

Ana Miranda en Bruxelas coa expedicion da pesca artesanal galega Ana Miranda en Bruxelas coa expedición da pesca artesanal galega-Foto-Fani Alonso-13 Nudos

Despois da visita dunha expedición da pesca artesanal galega a Bruxelas, e despois de que a Comisión Europea de Pesca tomase boa nota das demandas do sector, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar unha batería de emendas ao Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP).

Son enmendas, xusto cando remata o prazo (e sen que o goberno galego se puxese en contacto coas eurodeputadas membros da Comisión de Pesca), para reclamar un aumento do orzamento dos fondos (de 6.140.000.000€ a 6.400.000.000€), que beneficiaria a toda a frota galega, fronte á baixada proposta polo documento presentado pola Comisión Europea.

Definición real de “pesca artesanal”

A visita, como recoñecen varios membros da expedición, serviu para que os responsables coñezan a realidade da pesca artesanal, e comproben que nada ten que ver, en materia de sostibilidade, a pesca artesanal coa industrial. Así, pediron unha definición máis ampla de pesca artesanal que a manexada até agora (que só ten en conta a medida, de 12 metros de eslora), de forma que recolla as especificidades do sector galego.

Importancia social do sector

Miranda lembroulle á Comisión que “o sector da baixura presenta case o 75%  das embarcacións pesqueiras rexistradas na Unión Europea e case a metade dos postos de traballo do sector da pesca, porcentaxe igualmente alto no noso país e cunha enorme importancia social, económica e cultural tanto na pesca extractiva como no marisqueo. En consecuencia, Ana Miranda considera indispensable a creación dun “Programa específico para a Pesca Costeira Artesanal” que, ademais de contemplar estes criterios, inclúa medidas concretas para mellorar a saúde, a seguridade e as condicións de traballo tanto a bordo dos buques de pesca como en terra”.

Por iso incluíron unha enmenda para que se exclúa á pesca artesanal do sistema de TACs e cotas tan prexudiciais para o sector. Ademais, Ana Miranda pediu que se aumente o apoio ás mulleres no sector pesqueiro, xa que no marisqueo, redeiras, conserveiras e prazas de peixe, entre outros ámbitos, son a maioría e con enormes dificultades laborais.

Auga limpa para pescar e marisquear

Outra das enmendas vai dirixida á “coordinación da política de pesca comunitaria coa política medio ambiental, en particular coa relativa á protección de augas do mar e do litoral pois facendo referencias ás problemáticas en rías como a do Burgo ou a de Corcubión, que deixaron de ser grandes bancos produtores por mor da contaminación.

Axudas reais

Ademais, o Bloque reclama subvencións para a innovación, así como para os casos de paralización temporal por vedas, temporais, accidentes na costa e mareas negras. Ao respecto sinala que deben considerar 15 dias sen actividade e perda de ingresos dun 30% dun ano antes, non 120 dias e 3 anos de valoración como pretende a Comisión Europea pois “con ese criterio moita frota galega que marea menos de 3 meses ficaría sen axudas”. Nos dous casos, Miranda reclama “menos burocracia” na súa tramitación, xa que até co procedemento actual o sector quéixase da súa complexidade. “Xa bastante ten o sector con sobrevivir, pois moitas mariscadoras non chegan a 400 euros”, denuncia a eurodeputada nacionalista.

Ademais, o BNG solicita que se apoie ás marcas de Denominación de Orixe como o mexilón de Galicia, e que se diferencie entre a acuicultura industrial da artesanal, en relación ás respectuosas bateas de mexillóns de Galicia.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/europa-escoitou-pesca-artesanal-galicia/ https://quepasanacosta.gal/queremos-que-europa-trate-dun-xeito-diferenciado-a-pesca-artesanal-deixandonos-fora-do-tacs-e-as-cotas/
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/mar/o-bng-presentou-unha-bateria-de-enmendas-ao-fondo-europeo-maritimo-pesqueiro/20181015085500089421.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia