Evento
Obradoiro de arrolos en Carballo
19/nov./2015 a 19/nov./2015
18:00 h a 18:00 h
12:20 12/11/15
Cargadísima chega a axenda cultural de Carballo para os vindeiros días e iso que aínda se nota a resaca do FIOT. Segundo anuncian dende o concello, a programación cultural continúa o seu curso co "Novembro con música", un mes dedicado a santa Cecilia que concentra unha oferta "na que están representados diferentes épocas e estilos, principalmente folk e popular, música clásica e pop, pero tamén con outros xéneros, tanto de grupos afeccionados como profesionais", segundo explica o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo.
Máis de 25 formacións participan nun programa no que todas as citas son de balde e que, como cada ano, tenta prestar especial atención ás agrupacións musicais de Carballo e ofrécelles unha oportunidade aos amantes da música de coñecer o traballo que estes colectivos veñen realizando nos últimos meses. Así, o Concello apoia de maneira estable a estas formacións subvencionándolles actuacións no municipio a través do Convenio Musical que se asina cada ano, e que os compromete tamén a colaborar coa programación do concello.
Evencio Ferrero subliñou durante a presentación que o programa serve "de altofalante para a actividade cultural do concello", "poñendo en valor o que se practica e promove" no eido músical. Ademais, a programación tenta chegar a distintos públicos e de todas as idades. Serán oito concertos, seis organizados polo concello e dous por outras entidades culturais do municipio. Ademais do Concello e das agrupacións musicais, o programa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
O grupo Pres de Cambrai ofrecerá un concerto en Carballo o 20 de novembro
Analizando as citas polo miúdo, este ano, unha das máis interesantes do programa vai da man da música antiga con Pres de Cambrai o venres 20 de novembro. Este conxunto compostelán, de amplo espectro sonoro, é especialista na recuperación, revisión e interpretación de obras de distintas épocas e estilos. Os integrantes da formación son músicos de consolidada experiencia no ámbito da chamada "música culta" e forman parte doutras agrupacións musicias de grande relevancia. Trátase dun concerto e dunha narración da trascrición que se fixo do misterioso e interesante Pergamiño Vindel que contiña sete cantigas de amigo asinadas polo trovador vigués Martín Códax. Un espectáculo que recrea, a través da palabra e da música, o relato dos misterios que, durante séculos se agocharon neste pergamiño, dándonos a coñecer a lírica profana galego-portuguesa, cando acaban de cumprirse 100 anos do seu achado.
Como en case todos os programas da concellaría de Cultura, en Novembro con Música está presente tamén a oferta para o público infantil e familiar con ciclo "En Familia". Nesta edición, hai que destacar unha proposta da Asociación Lírica de Galicia que, a través da compañía de Teatro Lírico Madame Spaguettinni, presentarán o espectáculo músico-teatral "Érase unha vez a Ópera", no que unha grande Diva do bell canto, Madame Spaguettinni, xunto a un resucitado Mozart e outros simpáticos personaxes, descubriranlles a todos os asistentes os segredos da ópera invitándonos a viaxar a través dun mundo cheo de fantasía, escenificando as arias máis coñecidas do mundo operístico de obras como Don Giovanni, Turandot, Madame Butterfly, La Bohéme, etc.
Pop-rock e música tradicional
A banda rockabilly Killer Cats actúa no Live in Cances
Xa entrando nas propostas dos grupos carballeses, a primeira das actuacións é o venres 13 de novembro co concerto Live in Cances, un clásico que ten lugar nesta parroquia desde hai máis 10 anos. Trátase dun referente na música pop-rock dos grupos locais afeccionados, un evento que organiza a asociación cultural San Campio de Cances e co que colabora o concello a través do Convenio Musical. Nesta ocasión participan catro agrupacións cunha traxectoria moi consolidada no municipio: Versión Imposible, unha banda de música pop-rock que realizan versións de grupos españois dos anos 80-90; Dude, un grupo de xénero soul, no que salienta a voz e posta en escena da súa vocalista; Killer Cats, a banda rockabilly por excelencia da capital de Bergantiños e, finalmente, The Cerne, unha formación con máis matices harmónicos e estéticos herdados do pop-rock melódico.
O sábado 14 de novembro volve outra das citas fixas do "Novembro con música", Sons de aquí, un concerto de música tradicional a cargo das agrupacións musicais do concello. As once que participan dan boa mostra da riqueza do patrimonio musical carballés e das asociacións que traballan neste ámbito. Este ano son: Banda de Gaitas Municipal de Carballo, Cantareiras Xoldreira da AC Nemeth, Grupo de Gaiteiros San Cristovo , Cantareiras San Campio de Cances, Grupo de Cantareiras San Martín de Razo, Lembranzas de Bergantiños de Bértoa (grupo de gaitas), Asociación Cultural Argazo, Meigallos da Nosa Terra de Bértoa (grupo de música, primeiro ano que participan), Cantareiras e Cantareiros da AC Arume, Escola de Gaitas da AC Arume e as Cantareiras Névedas da AX Arume.
Música coral e obradoiros musicais
Como sempre no programa, a música Coral ten o seu protagonismo a través de dous concertos. O venres 21 celébrase o Festival de Corais no que participan dúas das agrupacións de Carballo, de estilos moi diferentes, o Coro Aires de Bergantiños (con temas tradicionais galegos) e a Coral Polifónica de Bergantiños (dedicada á polifonía máis clásica). Ao final do concerto teñen preparada unha sorpresa para os asistentes. O sábado 28, ten lugar o tradicional Concerto de santa Cecilia que organiza a Coral Polifónica de Bergantiños, na que esta agrupación conmemora a festividade da patroa dos músicos convocando a corais doutros concellos para este evento. Este ano participará como grupo convidado a Sociedad Coral Polifónica El Eco da Coruña que acompañará á anfitrioa, a Coral Polifónica de Bergantiños á que se sumará o Coro de Voces Brancas de Carballo. Os dous concertos de música coral terán lugar ás 21.00 horas.
Xabier Díaz e Guillerme Fernández traen un concerto-obradoiro para familias. Imaxe: coruna.es
Do mesmo xeito que aconteceu en anteriores ocasións dentro de "Novembro con Música", o Servizo de Normalización Lingüística, organiza dentro do seu programa de actividades, un concerto-obradoiro para familias a cargo dos recoñecidos Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Baixo o título de Arrolos de Salitre, este dous músicos ofrecen un concerto no que dar unhas pautas para cantar e compoñer nanas para os máis pequenos e pequenas. Esta actividade está dirixida aos país e nais acompañados dos seus cativos e cativas e precisa de inscrición previa no enderezo electrónico [email protected], xa que as prazas están limitadas a 60 asistentes. O concerto-obradoiro terá lugar o xoves 19 ás 18.00 horas no Pazo da Cultura.
Actividades paralelas e peche
O programa sempre conta cun peche moi especial coa actuación da Banda Municipal de Música de Carballo. O sábado 5 de decembro ás 21.00 horas ofrecen un concerto de música de distintos xéneros musicais (pasodobres, temas de zarzuela e composicións clásicas e contemporáneas) para os amantes da música deste tipo de formación musical (a banda). Como vén sendo habitual, dirixirá o concerto, Vicente Pérez Planells.
Por último, a programación para o mes de novembro complétase coas actividades paralelas, como a exposición Fotoxornalismo 2014, na que se amosa o traballo realizado por unha vintena de xornalistas gráficos da Coruña. Esta mostra permanecerá aberta ata o 30 de novembro na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas. Finalmente, en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) e con motivo do acto conmemorativo do 25 de novembro contra a violencia de xénero, a compañía teatral Xoré Teatro de Padrón porá en escena para o alumnado de 2º de Bacharelato de Carballo, o espectáculo "Pementeiras". A función terá lugar ás 13.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura o día 20 de novembro.