![amesa-mobilizacion-corcubion]()
A Mesa Pola Normalización Lingüística convocou unha mobilización o pasado venres en Corcubión
Case medio cento de persoas acudiron esta mañá de luns a unha mobilización que tivo lugar diante do xulgado de Corcubión para defender o dereito a galeguizar os nomes e apelidos.
A Mesa Pola Normalización Lingüística convocou esta mobilización despois de que unha estudante solicitara no
rexistro civil de Corcubión a restitución á forma correcta en galego do seu segundo apelido
“Rey” co fin de que constase coa forma “Rei”.
A resposta foi negativa. O principal argumento deste rexeitamento foi que non se trataba dunha adecuación ortográfica para adecualo á lingua gramática galega senón dun cambio de apelido pois, consideran, que “Rey” pertence “ao acervo nacional” e non é o mesmo que “Rei”.
Ademais da mobilización, entregáronse no rexistro as alegacións para que se permita a restitución do apelido “Rey” e presentáronse diferentes documentos, entre eles, un ditame da Real Academia Galega que certifica que “Rei” é un apelido galego e escribilo con “y” é unha forma de deturpar o apelido e incorrecta ortograficamente.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística - Marcos Maceira - declarou que “todo o mundo ten dereito a chamarse polo seu propio nome na súa propia lingua tal e como di o Convenio-marco para a protección das Minorías Nacionais e como recoñece a lexislación española vixente”. Maceira engade que “todos temos dereito a corrixir as formas deturpadas dos seus apelidos, incluso Raxoi e Feixoo que, aínda que non fagan uso dese dereito, non poden impedir que os demais o fagan”.
Comunicado Real Academia Galega
Todas as persoas de Galicia teñen dereito a vivir en galego, a expresarse na súa lingua en todos os ámbitos da súa vida. Parte deste dereito é o de empregar os seus apelidos nas súas formas en galego. Moitos destes apelidos sufriron un proceso de castelanización ao longo dos séculos en que o castelán foi a única lingua oficial e, por tanto, a única empregada na documentación escrita. Na actualidade, a lexislación española permite aos cidadáns e cidadás a restauración da forma galega correcta e actualizada dos seus apelidos. A Lei 40/1999 do 5 de novembro (BOE 266, 6/11/1999) autoriza a «regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente».
A Real Academia Galega, como entidade legalmente intitulada para fixar a forma correcta das palabras, vén emitindo desde hai décadas centos de ditames, en resposta á solicitude de milleiros de persoas que desexan restituír a forma galega correcta dos seus apelidos. Habitualmente, este trámite realízase sen maiores complicacións pero, lamentablemente, en contadas ocasións dáse o caso de que
algúns funcionarios de rexistros civís ou xulgados poñen obxeccións de distinto teor, sempre carentes de fundamento obxectivo, obstaculizando o exercicio deste dereito. É por isto que a Real Academia Galega se ve na obriga de lembrar que a restauración dos apelidos ao galego é un dereito que non pode ser ignorado por ningunha instancia burocrática.
Incumpre, pois, a normativa legal o Rexistro Civil de Corcubión ao denegar a galeguización do apelido Rey á forma galega Rei. Non se atende neste caso ao ditame da RAG, achegado pola solicitante, e que se demostra que Rei é “a única forma adecuada á gramática e fonética do galego para este apelido”. Neste caso, o argumento esgrimido para a denegación é que a forma Rey pertence “ao acervo nacional”, argumento que se sitúa no ámbito das opinións ideolóxicas particulares e non ten base nin científica nin legal.
A RAG acaba de publicar unha listaxe de formas galegas correctas dos apelidos máis frecuentes en Galicia coas correspondentes formas deturpadas e castelanizadas, en que figura o apelido Rei. Ademais, por solicitude da persoa interesada neste caso concreto, emitiu o que é o
terceiro ditame - baseado nos informes do Seminario de Onomástica- sobre este apelido. O feito de que outras persoas galeguizaran anteriormente o apelido Rei en distintos xulgados e rexistros civís de Galicia mostra a coherencia coa lexislación vixente.
A Real Academia Galega insta, pois, ao rexistro civil de Corcubión a aceptar a petición da solicitante, restituíndo o apelido á súa forma galega correcta. E aproveita a ocasión para lembrar aos funcionarios e funcionarias con competencias neste asunto, que a legalidade ampara as persoas que desexan regularizar os seus apelidos conforme a norma actual do idioma galego. Galeguizar, como indicou a RAG noutras ocasións, non é traducir, é restituír a onomástica galega á súa forma orixinal.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- A Mesa
- Real Academia Galega