O BNG de Cee pide celeridade para solucionar o problema da piscina


Seguen pasando meses e os traballadores da piscina municipal de Cee seguen sen solución. A piscina pechada, e sen visos de reapertura. Máis dun mes despois de que os traballadores alzasen a voz contra o alcalde, desta volta é o grupo do BNG o que pide “celeridade para solventar o asunto da piscina”.
Dio tralo anuncio por parte do Consello Consultivo de Galicia de ampliar, un mes mais, o prazo para emitir o ditame pedido polo concello respecto a resolución do contrato da empresa concesionaria da piscina municipal.
Ante esta situación, o BNG sinala que “se ben é certo que este paso adiministrativo é imprescindible para a liquidación do contrato, tamén o é que esta situación ven derivada da pasividade dos dous gobernos, o de Ramón Vigo agora e o de Zaira Rodríguez antes, que tiveron a oportunidade de zanxar este asunto fai xa moito tempo, mais o único que fixeron foi liberar a empresa das sancións que o pleno decidira levar adiante” .
Agora, nun proceso que xa non ten volta atrás, o BNG pide que “se acurten os prazos o máximo posible, e para iso compre ter xa dados os pasos necesarisos para que se poida establecer una prestación de servizo transitoria por parte dunha empresa, que ao parecer, e según as verbas do alcalde, xa existen varias interesadas”.
Serxio Domínguez declarou tamén que “indígnanos que un servizo público destas características se lle teña privado aos vecinos e veciñas, moitos deles usuarios/as por razón de saúde, e resulta preciso restablecer a normalidade canto antes”.
Novas relacionadas
- 15-07-16: Os traballadores da piscina alzan a voz contra o alcalde de Cee.
- 01-06-16: A non-piscina de Cee, á escuras.
- 26-05-16: Esixen a intervención urxente do Concello ante a cascada de problemas ca piscina municipal de Cee.
- 15-04-16: Usuarios e traballadores maniféstanse pola piscina municipal de Cee.
- 06-04-16: Os traballadores da Piscina Municipal de Cee, en folga contra a concesionaria.
- Outubro 2015: A CIG emprenderá accións legais contra a concesionaria da piscina de Cee polas acusacións contra un ex traballador.
- 03-03-15: A CIG esixe o inmediato rescate da concesión da piscina de Cee.
- 14-01-15: Denuncian a situación laboral na piscina de Cee.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).