Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Alberto Pose
15:00
19/08/13

O Corme C.F. busca dar un paso máis como referente do bo xogo na Liga da Costa  

O Corme C.F. busca dar un paso máis como referente do bo xogo na Liga da Costa  
O Corme da 2013-2014-Foto-Jorge Parri

1994. Jorge Valdano, por entón, dirixía a un Real Madrid que contaba entre as súas filas con xogadores como Zamorano ou Michael Laudrup. Tras un partido que enfrontou en Cartaxena ó conxunto merengue contra o Feyenoord, e que rematou cunha vitoria dos madrileños por 6-2, o técnico arxentino deixou unha frase que marcou un antes e un despois durante a súa estadía como adestrador na entidade branca: “La idea es tocar y tocar el balón con sentido, porque el equipo que trata bien el balón, trata bien al espectador”. O seu plan non era nin moito menos innovador, pero a súa declaración foi clara e concisa. Directa ó corazón dos aficionados. E tamén arraigou de cheo no fútbol da Costa da Morte, concretamente en Corme. Agora, tras unha tempada 2012-2013 de boas sensacións sobre o céspede, o plantel do Corme C.F. encara a recta final da súa preparación de cara ó inicio do novo curso.

O equipo dirixido desde o terreo por Lentejo e administrado por unha directiva encabezada por Quico Cruz e Suso da Torriña busca que a súa proposta futbolística se consolide como unha alternativa válida para asaltar os postos que dan acceso ou posibilidades de ascenso á Primeira Autonómica. Adestrador e coordinador deron continuidade a un grupo de xogadores que teñen na súa amizade de sempre unha clara vantaxe á hora de enfrontarse ós seus rivais.

Acostumados a apostar por un fútbol de barrio, do que non se aprende nas escolas, os xogadores do actual Corme C.F. son o resultado da confluencia dunha das mellores xeracións de xuvenís que dou a vila bergantiñá –a que acadou a Copa e a Liga da Costa na tempada 2010/2011- coa experiencia que aportan estandartes vencellados desde longo tempo ó club, como Alejandro, e o retorno, dun tempo a esta parte, de xogadores de talento como Adrián Doldán ou Juan Chans. O grupo vese reforzado este ano coa incorporación de outro futbolista de toque no mediocampo, Sergio Sueiro, que abandona o Victoria de Liga Nacional Xuvenil para embarcarse nun novo proxecto no equipo da súa terra.  

Sistema e idea futbolística

A proposta de ‘Lente’ busca adecuar a cada xogador a un rol moi definido, pero a solidariedade entre os compoñentes non é negociable. Toque simple, asociación fácil e liñas moi xuntas, nun plantel que ten a Lucas como o referente diferencial. Comprende o balón e o esférico síntese cómodo con él. O máis semellante a unha simbiose. Acostumado a moverse con liberdade pola liña de tres cuartos, o primo doutro dos integrantes distintivos do plantel, Brais Corral, alterna posicións cos extremos ou baixa a recibir o balón cando os rivais limitan as tarefas de organización dos mediocentros.

O sistema de 3-4-3 contribúe, en gran parte, a que as chegadas á área contraria sexan contrincantes poñan en apuros á zaga cormelá. Por iso, non é estraño ver a Alejandro baixar a incrustarse no centro da defensa cando é necesario, acompañando a Pandi, Jesús ou Chino e a laterais de amplo recorrido como Adolfo, Joshua ou Dani. Todos eles aportan seguridade a dous porteiros formados na casa: Javi Lista e Suso.

No mediocampo, a liña de catro vese sometida a continuas permutas de posición, sobre todo nos extremos, ocupados habitualmente por Manu, Juanma, Diego e Adrián Doldán. Ambos buscan constantemente a penetración nas inmediacións da área rival e asistir a Juan Chans ou Lucas. Alejandro, Abel, Martinciño e Brais dan equilibrio entre atacantes e defensores, mentres Lucas e Miguel Torrado desempeñan a función de mediapuntas e conectan co dianteiro. Alejo Cambón, que se incorporou recentemente ós adestramentos tras estar ausente un tempo por lesión, dará maior amplitude e alternativas ó ataque cormelán.

A todos estes nomes únense agora tres xogadores, un que será, a todos os efectos, membro do primeiro equipo, o xa mencionado Sergio Sueiro, e dous futbolistas que, en principio, alternarán a plantilla senior e a xuvenil: Antonio e Alejiño. Mediocampista o primeiro e dianteiro o segundo, ámbolos dous tamén gozaron de minutos este fin de semana durante o partido que enfrontou no Campo do Cairo a Corme e todo un Victoria de Primeira Autonómica, rematando 3-2 a favor do conxunto local.

 

A última vitoria, durante o Memorial José Pailos

O partido amosou un Corme que, pese a estar aínda en preparación, posúe os automatismos clásicos dunha plantel compenetrado e que, a miúdo, da a sensación de poder ir máis alá. Fronte a un Victoria que non contará esta tempada coa participación do seu dianteiro Pablo Anello, e que este sábado tiña a baixa de Adrián Rojo en defensa, o Corme dominou un partido no que os coruñeses non se deron por vencidos pese á lesión dun dos seus mellores xogadores, Martín Mauriz, na primeira parte. Os locais fixeron valer a súa condición de anfitrións pese ás ausencias de Alejo Cambón, Brais, Adrián Doldán, Chino e Martinciño, mostrando en todo momento ganas e determinación fronte ó equipo adestrado por Andrés Andrade.

Os goles anotados por Manu, Diego e Álex por parte do Corme foron contrarrestados posteriormente por Roi e Xavi, que puxeron máis interese a un partido que puido quedar solventado mediada a segunda parte cun penalti marrado por Lucas.

En todo caso, unha boa pedra de toque para un equipo que, se ben ten como principio fundamental gozar sobre o terreo de xogo, ten ante sí, por potencial e capacidade, unha boa oportunidade de liderar o seu grupo e buscar o ascenso directo. Comeza a conta atrás.


O Album de cromos do #FutboldaCosta

Máis información

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios