Xoves. 02.04.2020
El tiempo
07:30
29/09/11

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (IV) – O mar: de perigo a fonte de riqueza 

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (IV) – O mar: de perigo a fonte de riqueza 

Na Alta Idade Media o papel xogado polo mar limitabase ó ámbito local dando a impresión de que tódolos trocos que se deron na bisbarra tiveron lugar de costas a el. Non é posible negar que tivera xa dende cedo un certo papel na economía local, pero non semella que tivese unha importancia relevante, e é que no século XII, o mar é aínda unha ameaza máis ca outra cousa. Os sarracenos saqueaban periodicamente as costas, saíndo das súas bases situadas no litoral atlántico dende Sevilla ata Coímbra. Cando a Historia Compostelana relata estes ataques sinala que os saqueos caían sobre as terras de Postmarcos, Entíns, Nemancos e Soneira, entre outras, e que «os campesiños do litoral do Océano abandoaban a costa dende a metade da primavera ata mediados do outono, ou agachábanse en covas con toda a súa familia».

A fin do imperio almorábide e a aparición das segundas taifas, significou o comezo da desaparición da ameaza de  saqueos nas costas, proceso que o seguinte avance cristián do século XIII, nos tempos do rei Fernando III, quen conquista e engade ó seu reino as importantísimas cidades de Sevilla e Córdoba, acabou por consolidar. A desaparición da ameaza musulmana o Sur da Península Ibérica, posibilitou que os mercaderes italianos puideran por primeira vez chegar ata as costas do norte, de Francia e Frandes sen precisar usa- la rota terrestre, moito máis lenta e custosa. Galicia, situada no punto medio entre a saída e a chegada, converteuse, deste xeito nunha escala técnica case que obrigada.

As repercusións do paso dos navegantes ben do norte de Europa, ben de Italia, non se fixeron esperar. Os mercaderes non dubidan en comerciar coas xentes da costa e deixan ó seu paso  variadas mercancías; non se trataba no naso caso, dunha práctica moi legal, xa que os portos das vilas de Cee e Corcubión non estaban autorizados para facer cargas e descargas: a Coroa víase, polo tanto, defraudada por un comercio clandestino, pero estes intercambios significaban tamén un fraude para os comerciantes do punto de orixe, xa que acostumaba a estar establecida a obriga de que os barcos non se detivesen a facer tratos mercantís ata que non tivesen chegado ó seu lugar de destino.

Para os portos das nosas rías, e para Galicia en xeral, estes desembarcos significaban a oportunidade de se facer cunha serie de artigos de certa calidade a un prezo de avantaxe, dada a clandestinidade coa que se facían; probablemente, entre estes productos, o maior peso recaía no téxtil, nos panos e teas italianas e flamencas, aínda que non faltaban outra clase de obxectos, como amosa a imaxe de San Marcos da Cadeira conservada na igrexa parroquial de Corcubión, de orixe veneciana. Xentes do interior de Galicia, mercaderes e mesmo cóengos da catedral compostelá acudían ata a beiramar a comprar a bo prezo. Como resulta lóxico, temos moi poucas fontes para coñece-Ias características deste comercio, pero de cando en vez aparecen algunhas cantas referentes a el; así aconteceu entre 1400 e 1420, cando o despenseiro do cabido da catedral fixo varios viaxes ós portos de Cee e Muxía, gastando a suma de 23.376 marabedís en tapete preto, bocaran, lyno ... tres damasquins, uns brancos e hun preto, mercados ó comboio veneciano cara Flandes.

Mais este comercio foráneo exercido nas costas galegos non quedou aí, senón que serviu como acicate e motor ó desenvolvemento do sector pesqueiro galego. Se este fenómeno comercial e pesqueiro significou o espertar de Cee e Corcubión cara ó mar e cara ó seu crecemento e diferenciación respecto ó mundo rural circundante, non se trata dun fenómeno único, e mesmo nos seus arredores, podemos contemplar casos moi semellantes: Muxía no norte e no comezo, Sardiñeiro, ó leste; esta vila embrionaria, recollida polos libros de rendas da mitrá compostelá, vai ser substituída en 1384 por Fisterra, que o arcebispo de Santiago, don Juan García Manrique, compra á familia dos Mariño. Fisterra vaise ademais converter, pola súa privilexiada situación e polo seu comparativamente fácil acceso, no principal dos portos da zona.  

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

 


Novas relacionadas

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

comentarios