Acordo para renovar os pantaláns do porto de Muxía
Visita institucional na mañá de onte a Muxía. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, achegábsae para presentar o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira no pantalán destinado aos profesionais da pesca, co obxectivo de reforzar a resistencia ante condicións adversas.
Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou en Muxía o alcance desta actuación que beneficiará ao porto muxián así como aos de Lorbé (Oleiros), Muros, A Barquiña (Outes) Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.
A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns, e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas. O prazo de execución previsto para os traballos é de 7 meses.
En concreto, no porto de Muxía actuarase sobre o conxunto das instalacións destinadas á terceira lista, cun investimento de 20.000 euros. O ámbito da actuación abrangue tanto o tramo inicial de pasarela como o propio pantalán e 14 fingers. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.
Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará o tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou accidente. Ademais quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.
