A Farmacia da Fundación (III)

Consérvanse na Fundación Fernando Blanco de Lema numerosos exemplares de botes e frascos, de distinta tipoloxía, que se empregaron na Farmacia e no Gabinete de Química contendo os distintos productos e menciñas de uso común naquela época.

Estas pezas, mercadas a finais do século XIX, presentan formas diversas, podendo agrupalas en varios tipos distintos.

  • Albarelos.
  • Frascos de vidro branco.
  • Frascos de vidro azul.
  • Frascos bocais de vidro azul.
  • Frascos aceiteiros.
  • Conserveiras de vidro, etc.

Albarelos

Os albarelos (do italiano albarello) son botes de farmacia cilíndricos e con tapa. En Francia reciben o nome de cañón ou bote de cañón.
Os albarelos da antiga farmacia da Fundación Son de porcelana branca, con varias cenefas douradas, e presentan na súa parte frontal a fórmula galénica, en latín, enmarcada nunha especie de coroa. Chegaron ós nosos días un total de 33 albarelos de gran beleza e perfectamente conservados.

Frascos de vidro branco

Frascos de vidro transparentes, de forma cilíndrica e ombreiros redondeados. Teñen boca estreita e tapón plano esmerilado. Presenta etiqueta frontal pintada con fondo branco e fórmula galénica en negro. A etiqueta está triplemente orlada. As súas dimensións son de 28 centímetros de alto e 10,5 centímetros de diámetro. Consérvanse un total de 42 exemplares.
A función deste tipo de botes era a de gardar toda clase de líquidos empregados na botica ou no laboratorio que, pola súa facilidade para evaporarse ou polo seu cheiro, non podían ser gardados en recipentes abertos.

Frascos de vidro azul

Frascos de vidro azul, de forma cilíndrica e ombreiros cónicos. Teñen boca estreita e tapón plano esmerilado. Presentan etiqueta frontal con fórmula galénica pintada, sen fondo, con letras e orla en dourado. As súas dimensións son de 21 centímetros de alto e 7 centímetros de diámetro. Na actualidade hai un total de 44 pezas de este tipo.
Ó igual que os frascos de vidro branco, tiñan por misión conter toda clase de líquidos que, polo seu cheiro ou pola súa gran capacidade de evaporación, non podían almacenarse en vasillas abertas.

Frascos bocais de vidro azul

Frascos de vidro azul, de forma cilíndrica e ombreiros planos. Teñen boca ancha e tapa plana e esmerilada, con introducción externa. Non presentan ningún tipo de decoración. Cada un dos exemplares leva pegada unha etiqueta de papel coa descrición do producto que contiña. As súas medidas son de 16 centímetros de alto por 7 centímetros de diámetro. A Fundación conta con 33 exemplares desta tipoloxía.
A súa función era a de conter sólidos ou líquidos que polo seu aroma, ou pola súa gran capacidade de estragarse en contacto co aire, non eran susceptibles de gardarse en botes abertos.



Frascos aceiteiros

Frascos de vidro transparente, de forma cilíndrica e ombreiros redondeados. Teñen boca estreita e alongada, aberta e con picho; un capuchón con encaixe esmerilado recubre toda a boca. Presentan etiqueta frontal con fórmula galénica pintada, con fondo branco-prateado e letras en negro. A etiqueta está dobremente orlada en negro. Cada un dos exemplares leva na etiqueta a identificación do producto que contén. As súas medidas son de 25 centímetros de alto por 8,7 centímetros de diámetro. A Fundación conta con 26 exemplares destas características.
Empregábanse para conter líquidos usados nas boticas e laboratorios. A forma da boca está especialmente deseñada para os líquidos viscosos, polo que acostumaban usarse para conter aceites e xaropes.

Conserveiras de vidro

Botes de vidro transparente, bastante groso, con forma aproximadamente cilíndrica, presentando bandas en relevo na parte inferior e no pescozo. A tapa é abombada, con reborde e asa superior, introducíndose exteriormente na boca. Presentan etiqueta frontal con fórmula galénica pintada, con fondo branco-prateado e letras en negro. A etiqueta está dobremente orlada en ouro.
As súas medidas son de 23 centímetros de alto por 11,4 centímetros de diámetro. A Fundación conta con 15 exemplares desta tipoloxía.
A función deste tipo de conserveiras era a de gardar todo tipo de substancias sólidas ou melosas de uso corrente nos laboratorios e farmacias. A miúdo usábanse para gardar substancias de orixe vexetal, de acción terapéutica e distintas variedades de drogas.

Ademais destes seis tipos de botes e frascos que acabamos de mencionar, consérvanse tamén infinidade de recipientes, de menor embergadura, os cales contiñan substancias de todo tipo, que eran de uso común, tanto na farmacia coma no Gabinete de Química.

Tesouros Ocultos da Fundación

Novas da Fundación

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Tesouros da Fundación

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).