Monumento adicado a D. Fernando Blanco de Lema
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Monumento adicado a D. Fernando Blanco de Lema

- Autor: Andrés Barbazán Ferreiro.
- Cronoloxía: 1973.
O monumento
O 13 de outubro de 1973 inaugurouse, na entrada principal do IES Fernando Blanco, o monumento adicado a lembrar a figura do filántropo ceense.

A iniciativa correu a cargo da Comisión Xestora Pro-Monumento a D. Fernando Blanco de Lema, presidida por D. Juan Sánchez García, e na cal participaron persoas dos distintos estamentos sociais e culturais de Cee e comarca.
Esta Comisión Xestora fixo chegar ó Padroado da Fundación, nese momento formado Por D. José Sánchez García, D. Antonino Castro García e D. José Luís Fernández Mosquera, a súa idea, a cal recibiu o visto bo por parte do citado padroado.
Citando textualmente as palabras de D. Juan Sánchez García, o motivo que os impulsou a levar adiante esta proposta foi “rrixir a D. Fernando Blanco de Lema un monumento que, como mostra da súa obra trascendente, sexa o expoñente visible do agradecemento, cariño e respeto por un home que, elevándose da nada con tesón, soubo, no seu momento álxido, ofrecer xenerosamente ó seu pobo o cuantioso froito do seu traballo, facendo a esta vila depositaria e dona dun legado material e cultural que a honra e valora, non só a nivel comarcal, senón en todo o ámbito rexional”.
Despois dunha ardua selección de proxectos, con unánime coincidencia de criterios, resultou elixida a proposta do escultor nicrariense Andrés Barbazán Ferreira.
O conxunto monumental está constituído por un esbelto pedestal en forma de prisma cuadrangular engarzado a un tronco de cono invertido, con amplo basamento, sobre o que van colocadas dúas parellas de figuras alegóricas, esculpidas en granito gris. Sobre o pedestal, de corpo enteiro, a prócer figura de Fernando Blanco, en fundición de bronce, reproducción fiel do famoso cadro de Federico de Madrazo que colga das paredes do museo. Na parte inferior do monumento pode lerse unha placa coa incrición: “A Don Fernando. Promotor de la enseñanza. Eterna gratitud. Octubre 1973”.
Para levar adiante esta iniciativa e as obras de acondicionamento e reordenación da antiga entrada do Instituto, contouse con fondos logrados por pública suscripción e coa axuda incondicional dos organismos afectos: Concello, Obras Públicas e Ministerio de Educación e Ciencia.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.
Tesouros da Fundación
Outros artigos de Darío Areas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).