Mércores. 15.05.2024
El tiempo
10:32
24/05/11

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX): 12. As veciñanzas de 1711 e 1717

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX): 12. As veciñanzas de 1711 e 1717

Tras acadar o punto álxido no crecemento poboacional, péchase unha etapa de carácter positivo para dar lugar a un século XVIII marcado por un estancamento da poboación que, aínda que existe un crecemento moi lento, durará a meirande parte do mesmo, vislumbrándose os primeiros síntomas de recuperación no derradeiro cuarto del se ben ésta será efímera dadas as circunstancias bélicas de finais do XVIII e principios do XIX, polo que será unha vez pasada a Guerra de Independencia cando teña lugar un novo ciclo positivo na evolución demográfica.

A crise dos anos 1709-10 ten o seu desencadeante no exceso de choiva que acaba por estraga-las colleitas. A primeira consecuencia será unha alza moi forte dos precios do cereal e a segunda unha forte suba da mortalidade. O trigo alcanzou no mes de maio de 1709 os 360 maravedís cando o ano anterior costara xusto a metade e no ano 1707 venderase a 120 maravedis. No caso do centeo a suba foi de 72 maravedis de 1707 a 272 maravedís no ano 1709. Igual lle pasou ó millo que de 85 maravedís subiu ata os 306 nas mesmas datas. Os precios correspóndese sempre cos acadados no mes de maio que era a época máis cara do ano por tratarse dun “mes de soldadura”, é dicir, o momento do ano en que se acabara o cereal do ano anterior e había que esperar á chegada do novo. Polo tanto non é díficil imaxinar o que podía supoñer unha perda de colleitas. Se non había cereal nas despensas e os que tiñan reservas del o vendían a un precio tan elevado, a simple supervivencia era moi complicada, xa que, cunha alimentación deficiente, as defensas do corpo menguaban rapidamente e con facilidade se contraían enfermedades como gripes e outras derivadas do aparato respiratorio, que na época eran pouco menos que garantía para pasar á outra vida. O aspecto que presentan as rúas da vila é desolador: aumentan os pobres que andan a pedir polas portas na busca de algo que levarse a boca e tamén os que emigran da miseria buscando solucións á difícil situación existente. O golpe que supuxo a falta de gran tivo maiores consecuencias, se cabe, dado que nos atopamos no momento de maior poboación, co que o equilibrio entre poboación e recursos rómpese moi fácilmente e con consecuencias nefastas para a primeira.

A veciñanza do ano 1711 sírvenos como testemuño de primeira man sobre a situación da vila de Cee unha vez que a crise comenzara a remitir, (a mesma fora feita para establecer unha contribución de 12 reales como axuda ó exército. É de escaso valor demográfico polo enorme grado de ocultación, o que é comprensible xa que neste momento non estaba a situación para moitos donativos que digamos. A orde do Marqués de Risbourg é de 22 de febreiro de 1711. Un mes despois envíase o vecindario de Cee, no que se dí que a vila conta con 69 veciños dos que 4 son viúvas.:

  • “Todos los quales según ban expresados son los vecinos de que se compone dha villa y sus terminos de su jurisdizion esistentes: aunque muchos dellos son mareantes y otros assisten mucha parte del año en los reinos de Castilla a vender punttas y encajes para su sustentto y de sus familias... y aunque en dha villa y sus arrabales al presente biben y rresiden algunas mas personas, son pobres sin arraigo que la maior parte del tiempo andan obsteaten y al trabajo a diversas partes del Reino y fuera de el y no tienen esistencia fixa ni con que sustentar paga ni tributo alguno, vienes ni caudal”.

Como se pode comprobar a situación creada é moi preocupante e aínda que xa nese ano de 1711 os precios do cereal baixarían considerablemente, non será ata o ano 1718 cando volten a situarse en precios semellantes ós de 1707. Así pois, as consecuencias da crise de 1709-10 alongaranse varios anos. Nunha nova veciñanza correspondente neste caso ó ano de 1717 faise referencia a importante emigración que tivo lugar entre os veciños da vila de Cee coa que se tenta de explicar o curto número de veciños que poden contribuir (son 22 veciños, 3 eclesiásticos e 7 viúvas. Dende logo, por moita gravedade que tivera o episodio de 1709-10, as cifras son excesivamente baixas para ser creibles. O valor deste vecindario, ó igual que o de 1711 radica, máis que no seu valor demográfico, na información complementaria que ofrece e que nos axuda a facernos unha idea dos problemas ós que tiveron que facer frente os ceenses nesta difícil década:

  • cite>“Los vecinos de la dha villa forman una sola felegresia sin jurisdiccion alguna: que por la estterilidad de fruttos que se esperimentto sean aussentado algunos dellos para la villa de Madrid de que llebaron consigo mugeres y familia y ottros al Reino de Porttogal al ttravajo...”.
  • Víctor Castiñeira. (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal)

Que pasou na Costa na época moderna

  • As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación (ss. XVI-XX): 11. As veciñanzas de 1708.
  • Que pasou na Costa

    Elección Histórica da Costa da Morte

    Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

    Fonte

    Comentarios