Mércores. 15.05.2024
El tiempo
09:02
12/04/11

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX) - 8. O Censo de 1591 e resumo da evolución no século XVI

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX) - 8. O Censo de 1591 e resumo da evolución no século XVI

Para finalizar a análise da poboación no século XVI contamos co censo de 1591, que se fai gardando as mesmas divisións territoriais do ano 1533, polo que non ten moito valor para nós (lembremos que so aparecían os datos da vila de Cee e os da parroquia de Brens unida a Dumbría). Ademáis, os datos deste censo recibiron varidas críticas por parte de distintos investigadores, especialmente polo profesor Eiras Roel que lle adicou un estudio detallado para a provincia de Santiago chegando a conclusión de que ten importantes deficiencias e que conta con evidentes ocultacións do número de habitantes. Nós, simplemente diremos que segundo esta fonte a vila de Cee contaría con 88 veciños contribuíntes (faltan os fidalgos, eclesiásticos e os pobres e viúvas que non pagan o imposto, neste caso o servicio de millóns). Neste mesmo censo atopamos que Fisterra contaría 36 veciños, Muxía con 31 e Corcubión con 70, cifras sempre dos veciños “pecheros”, é dicir, os que pagan. Naturalmente, non se recolle neste censo a toda poboación. No libro I de fábrica da parroquia de Cee hai unha visita do 21 de xullo de 1593 realizada por Dn Tomas Estronge, obispo Ossoriense por mandado do arcebispo de Santiago Don Juan de Sanclemente. Nela afirmase que a parroquia de Cee conta con 117 feligreses. Así pois queda claro que os 88 veciños do ano 1591 son unha parte do total da poboación, neste caso a poboación contribuínte.

Unha ollada as cifras de veciños de 1571 e 1587 abondan para desbotalo por incompleto, conclusión que se ve reafirmada ó comparar os seus datos cos que nos ofrece a visita eclesiástica do Cardeal Jerónimo del Hoyo no ano 1605 que da uns totais de poboación superiores ó ano 1591, cando o lóxico sería o contrario, máxime tendo en conta que despois de 1591 a poboación terá que facer frente a un final de século calamitoso pola presencia de perda de colleitas no ano 1597 seguidas dun novo episodio de peste no ano 1598. Nunha posterior visita faise referencia a que a cestería, un dos ramos sobre os que a fábrica da igrexa de Cee tiña privilexio concedido polo Arcediago e pola que ingresaba unha importante cantidade de cartos, estaba arrendada en 53.000 maravedís para o período 1595-1602. No momento de toma-las contas, os maiordomos din que non cobraron as cantidades que lle correspodían (8.000 maravedis no ano 1597 por exemplo) polos anos da peste nos que morreron os arrendatarios. Ademáis, o Arcediago José de Acuña baixáralles 50 ducados (18.700 maravedís), xa que nos anos da peste a cestería non fora rendable.

Como se sinte do que foi a evolución da poboación nos territorios do noso concello nos dous últimos tercios do século XVI, temos que dicir que contamos con poucas fontes e que na maior parte dos casos son parciais. Eso non é obstáculo para afirmar con rotundidade que este século foi positivo no aspecto do crecemento poboacional, a pesar de que a poboación tivo que sufrir as consecuencias de malos anos nas colleitas de cereal e de diversos anos de peste. Aínda que se se trate só de poboación contribuínte, a comparación dos vecindarios de 1533 e 1591 así o pon de manifesto, xa que a vila de Cee pasaría de 55 veciños “pecheros” no ano 1533 a 88 no ano 1591, esto é unha subida do 60%, así pois parece evidente que xa se inicia no século XVI o crecemento da poboación que continuará na centuria seguinte, como comprobaremos de seguido. Tamén contamos para o derradeiro cuarto deste século coa información do total da poboación do concello ceense que no ano 1587 era de 275 veciños, ou o que é o mesmo arredor de 1.000 habitantes.

Nota aclaratoria da imaxe: este censo comprende todo o territorio do reino de Castela salvo o País Vasco. Ademáis dos veciños “pecheros”, aparecen os fidalgos e clérigos, diferenciando neste caso entre clero secular e regular.

  • Víctor Castiñeira. (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal)

Que pasou na Costa na época moderna

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios