Xoves. 25.04.2024
El tiempo
19:32
29/09/10

San Marcos da Cadeira

San Marcos da Cadeira
Xa tocou a Novena. Corcubión ponse de gala para recibir ás Festas de San Marcos. A igrexa parroquial, estes días de misa chea de veciños, conta cunha imaxe do santo difícilmente igualable. Un dos detalles que se veneran tanto da imaxe é esa mirada, que semella dirixirse cara o libro que ten nas mans pero nunca perde de vista ao feligrés. Unha xoia, segundo os expertos, que atrae numerosos turistas e historiadores. Pero pouco se sabe desta imaxe. Para coñecela un pouco mellor e, da man de Alejandro Lamas, traemos o que pode ser "o estudo máis rigoroso de cuantos fixéronse sobre a imaxe".

San Marcos da Cadeira

Talla en madeira de San Marcos
  • Autor: Anónimo.
  • Data: Finais do século XV – comezo do XVI.
  • Lugar: Iglesia parroquial de San Marcos de Corcubión.
  • Características: Realizada en madeira – 145 x 85 x 40 cm.
Non existen estudos concretos sobre esta abra, traída nunha nave veneciana e regalada polos Condes de Altamira á igrexa parroquial de San Andrés de Canle, o que motivou o cambio de titularidade da parroquia (pasou a ser de San Marcos) e a construción dun novo templo (1430) xunto ao porto. "Imaxe de cadeira" que representa ao Santo entronizado, portando pluma e Evanxeo ao modo de "notario" ou "giurista". Xunto a el, o León do Tetramorfos". Viste pola vella do home de leis ou nobre italiano do século XV: "lucco" engurrado sobre a cintura, manto e a cabeza cuberta con "copricapo" a modo de camauro. Imaxe frontal propia de hornacina. Como tantas obras "exóticas" de Galicia, testemuño das relacións comerciais, culturais e devocionales co estranxeiro (sarcófago do Conde Santo, hidra de Cambre, Virxe gótica de San Martiño Pinario, alabastros da catedral compostelá, custodia de Noia...), máis intensas e efectivas do que habitualmente se considera. Estilística e culturalmente debe de ser encasillado na escultura en madeira do Norte de Italia, fenómeno de amplo escenario e interesante evolución, interferida coa historia da estatuaria en terracota. Na Siena dos séculos XV e XVI perdura desde o Duecento e Trecento unha forte tradición de escultura en madeira que abarca toda a Toscana, cultivada ata por grandes mestres sieneses e sobre todo florentinos: Francesco de Valdambrino, Domenico de Nicoló do Cori, Antonio Federighi, Jacopo della Quecia, Brunesleschi (crucifixo de Santa María Novella), Donatello (crucifixo de Santa Croce, Magdalena do Baptisterio) e ata Miguel Anxo (crucifixo de Santo Spirito). En Lombardía o movemento inclúe a Matteo Raverti. Cos anos, o xénero é influído pola escultura en terracota (Vecchietta, Nicolo dell"Arca e sobre todo Guido Mazzoni e artistas do círculo brunellesciiano e robbiano (Mestre de Monteolivetto Maggiore...). Isto provoca unha nova morfología na escultura de madeira: figuras corpulentas, equilibrio burgués (Neroccio de Bartolomeo, Mestre do Santo Tomás de Leipzig...). Trátase de imaxes semicultas, semidevocionales, ás que pertence o Santo en cuestión, marcado polo naturalismo cordial e plástico de Emilia Romaña. A iconografía, que sen dúbida supuxo un freo á súa popularidade e á expansión do seu culto, é froito dunha curiosa evolución: ata o século XI - XII o "santo" represéntase como "scriptor" clásico (toga, manto). No século XV o retrato-busto (un dos máis belos produtos do Renacemento toscano), espléndido expoñente do humanismo florentino, influíu claramente na iconografía dos santos (San Lorenzo de Donatello, os Quattro Santi Patroni de Fr. De Valdambrino, Santo Domingo de Niccolo dell"Arca...) ata o punto de que moitas imaxes de santos son realmente bustos con corpo enteiro (Cozzarelli, Della Robbia...) Realizados en terracota e madeira, ao modo de humanistas cultos, como tantos santos ou imaxes de devoción do momento, San Marcos foi representado como un humanista, como home de letras, con "giurista" ou home de leis, cal se se tratase dun retrato-busto. Pero unha guisa tal resultaba pouco elocuente para os galegos, de modo que fóra de Corcubión, o Santo non alcanzou a popularidade nin a súa iconografía chegou a orixinar unha tradición local. (S.A.E.) * Do catálogo da exposición "Galicia non Tempo". Mosteiro de San Martiño Pinario " Santiago de Compostela, 1991.
  • Alejandro Lamas Costa (janolamas[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Outros artigos de Jano Lamas

Capítulos do libro "Corcubión y su Jurisdicción en la Guerra de la Independecia"

Comentarios