Tesouros Ocultos da Fundación: Introdución

O 28 de setembro do pasado ano inaugurouse no Museo Fernando Blanco de Cee unha nova exposición temporal, exposición que leva por título “Tesouros Ocultos da Fundación”.
Grazas á colaboración do diario dixital QPC iremos publicando, ó longo destes días, unha serie de artigos relacionados coa mesma, recomendándovos, por suposto, visitala nas instalacións da antiga Escola das Nenas de Cee.

Tesouros Ocultos da Fundación: Introdución

Un dos feitos diferenciadores entre Cee e o resto de pobos e vilas da Costa da Morte, e tamén de Galicia, radicou na existencia dunha institución denominada Fundación Fernando Blanco.

Contar cunha entidade que xogou un papel tan decisivo no desenvolvemento educativo, cultural e social da bisbarra só estaba, a finais do século XIX, ó alcance das grandes cidades de Galicia.

No medio da atrasada situación que caracterizaba ás vilas do rural galego de finais do XIX, erguíase en Cee un edificio maxestuoso, sostido por unha institución exemplar, que loitou contra este desgraciado panorama con armas moito máis poderosas e eficaces cas espadas, sables ou pistolas. O nome desas armas comeza, curiosamente, coas letras que forman o nome da nosa querida vila: Cultura, Educación e Ensino.

Pero a miúdo pasamos por alto o que se podería denominar o “efecto balsámico”. Éste era o que se producía sobre os alumnos/as, e sobre a poboación en xeral, cando traspasaban a reixa de entrada do antigo Instituto da Fundación. Atravesar esa reixa supoñía entrar nunha nova dimensión, nun novo mundo que, a diferenza de todo o que o rodeaba, caracterizábase polo luxo e pola riqueza. Ese grande oasis, situado ó pe do monte da Armada, actuaba como verdadeiro bálsamo sobre as xentes, facéndolles esquecer as penurias dos seus quefaceres cotiás, e permitíndolles, durante o tempo que permanecesen no interior das instalacións, xa fosen minutos ou horas, sentirse coma verdadeiros reis e raíñas protagonistas dun conto que, por desgraza, non lles tocara vivir.

A exposición “Tesouros Ocultos da Fundación” supón unha magnífica oportunidade para coñecer ese oasis de cultura e de educación, de iniciativas sociais e caritativas, de actuacións a prol da hixiene e da saúde, de luxo e de riqueza, e de poder admirar eses obxectos que, a bo seguro, abraiaron ós nosos devanceiros.

A botica do Colexio, a ourivería da Capela, os restos da antiga vaixela do centro, e máis pezas que forman parte da historia do noso pobo, e que contribuiron á “aliviala dor”, en certo xeito, das difíciles vidas dos nosos devanceiros, son as protagonistas desta mostra que, coma todas, pretende ser unha sincera homenaxe ó máis insigne dos ceenses, a un home á quen, en palabras de D. Dionisio Barreda, primeiro director do Colexio-Instituto da Fundación, “todos somos deudores de tantos beneficios como nos proporcionó, legándonos una fortuna que bien pudo destinar a otros fines muy distintos, de no haber en su corazón un amor tan grande hacia sus vecinos”.


Novas da Fundación

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Tesouros da Fundación