xoves. 01.05.2025
El tiempo
11:05
24/12/14

The Christmas’ Spirit

The Christmas’ Spirit
the-christmas-spirit-the-right-way

Este ano vai ser o meu segundo Nadal en Londres, aínda que nesta ocasión teño a sorte de poder ir a casa para celebrar a Noiteboa e mailo Nadal coa miña familia.

A dicir verdade, se me ofrecen a posibilidade de escoller, prefiro ir a Galicia e pasar estas datas cos meus seres queridos. Pero debo recoñecer que, en certo modo, o Nadal é máis Nadal en Londres. Explícome. A maioría dos emigrantes non temos alí familia, polo que resulta habitual celebrar a Noiteboa na compaña dos compañeiros de traballo, que se converten nunha especie de segunda familia. Lembro, sen ir máis lonxe, as pasadas festas. O plan orixinal era ir a casa dunha amiga xunto con outros tres ou catro compañeiros españois para cear todos xuntos. Ao final, acudimos á cita máis dunha ducia de persoas chegadas de distintos países (España, Portugal, Italia, Canadá...). Dado que os nosos recursos non nos permitían mercar nin marisco, nin pavo nin bo viño, acordamos aportar 10 libras esterlinas cada un e mercar ingredientes para cociñar unha tortilla e unha lasaña, así como un par de botellas de viño. Na mesa apenas collíamos todos –algúns incluso compartimos cadeira-, e os pratos e vasos eran todos de plástico. Foi, sen lugar a dúbidas, a cea de Noiteboa máis humilde e sinxela, pero tamén a máis entrañable e fraternal.

Algo similar me sucedeu o día de Nadal. O 25 de Decembro resulta un tanto deprimente nunha cidade como Londres se non tes familia: está practicamente todo pechado, non hai xente pola rúa e tampouco tráfico (o transporte público non opera nese día). En conclusión, a única posibilidade é encerrarte no teu cuarto e durmir ou ver a tele. Eu tiven a sorte de que por aquel entón vivía cun matrimonio galego, que me convidou a compartir o xantar con eles e coa súa familia. Sinceramente, foi un dos xestos máis fermosos que vivín dende a miña chegada á capital británica.

Se me permitides o consello, nesta época do ano, deixade a un lado os rancores e as envexas, e disfrutade da compañía da vosa familia, antes de que a vida vos arrebate ese pequeno gran pracer e sexa xa demasiado tarde.

Bo Nadal e próspero Ano Novo a todos!!

  • Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).

Artigos de Paula García Costa

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios