Administracións de 4ª División
22:01 16/06/15
O sábado, 13 de xuño de 2015, celebráronse as sesións constitutivas das novas corporacións municipais. Xa temos alcaldes. Agora, correspóndelles dignificar os concellos traballando con honradez, proximidade e bo sentido común. E non poden defraudar!
Os que teñen maioría absoluta: Cabana (PP), Camariñas (PSOE), Carnota (BNG), Carballo (BNG), Dumbría (PSOE), Malpica (PP), Mazaricos (BNG), Muxía (PSOE), Vimianzo (BNG) e Zas (BNG), gobernarán con estabilidade. Pero os demais precisarán apoios explícitos para sacar adiante as promesas electorais. Especialmente difícil será o goberno da única alcaldesa da zoa, María Xosé Alfonso (CxG), quen asumiu o bastón de mando con tan só tres concelleiros dos trece que compoñen a corporación de Muros, ao impedir Caridad González e os outros tres edís do PSOE que Inés Monteagudo (PP), coa lista máis votada e catro concelleiros, saíra elixida alcaldesa.
Pero, hoxe, non toca falar de votacións. Xa que non tería espazo para criticar, outra vez, unha importante lei que afecta á Institución Municipal. Porque, tanto os novos alcaldes como os que repiten cargo coñecen o maltrato e desconsideración dos lexisladores estatais e autonómicos cara os municipios. Moito proclamar autonomía local pero, chegada a hora da verdade, aproban normas para administracións de terceira ou, mellor dito, de cuarta división.
Fai un ano e medio, neste mesmo espazo, sostiña que a Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local, era outra oportunidade perdida para o municipalismo. E o tempo deunos a razón.
De feito, uns corenta profesionais (economistas e xuristas de prestixio) reuníronse en Compostela fai uns días, para debater sobre sustentabilidade financeira e reforma das entidades locais.
Unha maratoniana xornada, por certo, maxistralmente dirixida polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Valladolid, o camariñán (natural de Ponte do Porto) José Manuel Díaz Lema, na que se conclúe a necesidade dunha dimensión e estrutura municipal máis adecuada ás características do asentamento da poboación, e compatible coa prestación de servizos públicos en condicións eficientes.
Nada que non coñezan os que levan anos traballando no ámbito municipal. Porque, moitos dos problemas económicos existentes nos municipios desaparecerán cando se axuste mellor a poboación ao territorio, se concreten mellor as competencias e se incremente a presión fiscal.
Deixaremos para máis adiante a situación das maltreitas arcas municipais e o deteriorado inventario de bens co que, seguro, se atoparon os cargos electos cando, os secretarios e interventores, lles entregaron, na sesión constitutiva das novas corporacións, esta obrigatoria documentación.
- Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra
- Non somos “mexebos”.
- Estamos a sufrir en silencio excesivo e sen saber até cando.
- O peixe intelixente.
- Desafíos municipai.
- O soldo do alcalde.
- Repasando o PIB dos Concellos QPC.
- Facturas no caixón.
- Débeda viva a 31/12/2013.
- Solvencia financeira municipal.
- Os concellos e a crise.
- Reposición da legalidade urbanística.
- Loito por culpa do mar.
- Remanente de tesourería.
- Eficacia recadatoria.
- Oportunidade perdida.
- Gasto de persoal.
- Rendición da conta xeral.
- A Conta Xeral.
- A contribución.
- Cuestión de confianza e moción de censura.
- Débeda municipal.
- A prórroga do orzamento municipal.
- Presión fiscal dos nosos concellos.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).